CRTVG

Buscar

Mariscadoras da Arousa volven ao traballo despois de seis semanas de confinamento

Publicado o 27/04/2020 14:22

Mariscadoras da Arousa provistas dos elementos de protección ante a COVID-19 volveron esta mana ao traballo nos areais despois de seis semanas de paro como consecuencia da crise sanitaria. E mañá volverán. Mércores e xoves será a quenda dos homes no marisqueo a flote. O reparto do traballo obedece a que a demanda de produto non é moita e tamén para cumprir coa distancia interpersoal.

Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa e presidente da Asociación de Rañeiros da Ría de Arousa explica: "Cerca de 800 persoas nunha lonxa sería inviable para manter as distancias de seguridade. Así, desta maneira garantimos a seguridade entre as persoas e, asemade, imos colocando no mercado marisco para ver como reacciona ante a oferta da ameixa xapónica, porque das outras especies de momento non hai pedido delas".

Cada confraría, O Grove, a Illa, Vilanova e Cambados, marca os topes de captura luns e martes. Para os que traballan a flote, o límite é de oito quilos por mariñeiro, segundo explica o presidente da asociación de rañeiros:"Os pedidos que hai non son moi grandes. Son para as grandes superficies, pedidos pequenos que se poden atender co marisco que temos aquí, alternando traballo a pé e a flote polo menos para garantir un soldo mínimo á xente e lle dea para pagar a Seguridade Social, a luz, o teléfono e para facer a cesta da compra cotiá. É fundamental porque mariscadoras e mariscadores vivimos ao día".

Despois dos dous días de traballo a pé nos bancos arousáns de libre marisqueo sucederán outros dous desde máis de 380 embarcacións.

Noticias web

27/04/2020