CRTVG

Buscar

Mariñeiros retirados que non reciben a súa pensión denuncian: "Noruega estafounos"

Publicado o 21/02/2020 13:24
Mariñeiros retirados que non reciben a súa pensión denuncian: "Noruega estafounos"

Medio centenar de mariñeiros retirados, agrupados na asociación Long Hope, concentráronse este venres ante o consulado noruegués na Coruña para demandar o pago das súas pensións ao considerar que Noruega "os estafoun" tras unha vida de traballo no país.

"Estamos sen a pensión que nos corresponde de Noruega polos anos traballados, que nos roubaron e nos estafaron", sostivo en declaracións aos xornalistas o portavoz da plataforma, Alberto Paz.

Os ex-mariñeiros levan seis anos reclamando as pensións a Noruega e dous nos tribunais. Tras esgotar a vía interna no país escandinavo, presentaron en novembro unha demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por vulneración de dereitos humanos na que alegan "un comportamento discriminatorio" por parte do Estado que si paga pensións aos empregados noruegueses.

"Estamos pendentes de que Estrasburgo acepte a demanda a trámite e temos a promesa do Goberno español de que se vai a acudir como parte interesada no caso", detallou Alberto Paz.
Ademais, cifrou os afectados galegos en 8.000, dos 12.000 que hai en España.

Noruega argumenta que non lles paga porque vivían nos barcos e non estaban empadroados en terra, explicou Paz, que puntualizou que pagaban impostos "como cidadáns noruegueses". "Iso é un paradoxo bastante estúpido porque nós sempre traballamos en barcos noruegueses baixo lexislación norueguesa pura e dura. Excluíronnos do acceso á Seguridade Social, a nós nunca se nos permitiu cotizar pola lei interna norueguesa, creada para excluír aos estranxeiros", denunciou o portavoz.

Con bandeiras norueguesas e pancartas os afectados protestaron ao berro de "Noruega non respecta os dereitos humanos!".

Lamentan que hai persoas que xa se morreron sen percibir o que "lles corresponde", pero entenden que "a xustiza se toma os seus tempos" para "ditaminalo detidamente".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí