CRTVG

Buscar

Marina Castaño despois de non ser recorrida ante o Supremo a súa absolución: "Síntome enormemente aliviada"

Publicado o 22/01/2020 12:27
Marina Castaño despois de non ser recorrida ante o Supremo a súa absolución: "Síntome enormemente aliviada"

A viúva do Premio Nobel Camilo José Cela, Marina Castaño, mostrouse "enormemente aliviada" despois de notificar a Sala Segunda do Tribunal Supremo que declarou "deserto o recurso" contra a sentenza que a absolveu do delito de malversación de caudais públicos.  

"O Tribunal Supremo puxo fin a un verdadeiro calvario e a unha caza esquizofrénica contra min promovida por Lola Ramos (impulsora da denuncia)", subliñou Marina Castaño nun comunicado de prensa remitido este mércores despois de serlle notificada este martes a decisión do Supremo. "Síntome enormemente aliviada de que se restitúa, por fin, a honra cara á miña persona", abundou. 

A resolución do Supremo, con data do 17 de xaneiro de 2020 e notificada este martes, declara "deserto" con imposición de costas "o recurso anunciado por María Dolores Ramos" e "ter desistido do presente recurso de casación ao Ministerio Fiscal sen as costas".  

Respecto diso, o Tribunal Supremo indica que contra a presente resolución cabe interpor recurso de revisión no prazo de tres días ante a Sala Segunda.  

Pola súa banda, Marina Castaño, a través dun comunicado remitido por un gabinete de comunicación que a representa, valorou que a Sala Segunda do Supremo declarase deserto o recurso de Lola Ramos contra a sentenza absolutoria de 28 de xuño da Audiencia Provincial da Coruña.  

A denuncia fora presentada pola Administración Xeral do Estado, a Axencia Estatal da Axencia Tributaria e o Ministerio Fiscal após o impulso inicial de Lola Ramos.  

O Ministerio Fiscal Anticorrupción de Galicia recorreu en casación ante a Audiencia Provincial para que o elevase ao Tribunal Supremo pero, finalmente, a Fiscalía non presentou escrito ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo, e manifestou que "desiste do recurso de casación" interposto ante a Audiencia Provincial e apártase do devandito recurso.   

A sentenza do pasado 28 de xuño de 2019 sinalaba, lembra no comunicado o gabinete que representa a Marina Castaño, "de forma categórica que os fondos cos que se pagou a indemnización a Tomás Cavanna, públicos na súa orixe, integráronse no patrimonio da Fundación e eran privados, polo que non podía ser obxecto de delito de malversación".  

En consecuencia, "nunca puido haber intención de Marina Castaño de malversar fondo público algún", indícase no comunicado. A sentenza afirma, tamén, que tampouco houbo prexuízo algún para o Estado, a Xunta de Galicia, nin para a propia Fundación Cela.  

A querela tivo orixe no despedimento e indemnización en 2010 de Tomás Cavanna Benet, director da Fundación Camilo José Cela, entón presidida por Marina Castaño. No seu fallo, "o Tribunal rexeitou de forma tallante como proba da acusación os correos electrónicos cruzados polos acusados", sinálase no comunicado, dos que sentencia "non permiten inferir por si sós a simulación dun despedimento".  

As acusacións argumentaron que os caudais públicos supostamente malversados pertencían ao patrimonio da Xunta de Galicia. Con todo, a sentenza subliña que o Goberno galego, como titular do ben xurídico protexido e suxeito pasivo do delito polo que se acusa "decidiu non acudirse, non exercer accións civís e penais por estes feitos". "Non pode facelo no seu lugar unha administración distinta, a do Estado, cuxo patrimonio non sufriu diminución ou menoscabo polo feitos obxecto de acusación", lémbrase no comunicado.  

A sentenza de xuño absolveu, ademais, a Dositeo Rodríguez, membro do padroado da Fundación e conselleiro de Presidencia, Covadonga Rodríguez do Curral (subdirectora) e Tomás Cavanna Benet.   Por todo iso, a representación de Marina Castaño, para quen o fiscal solicitaba catro anos e medio de prisión, subliñou no comunicado que "finalmente non só desistiu" a Fiscalía, "senón que a denunciante Lola Ramos foi condenada en costas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí