CRTVG

Buscar

Mañá comeza na Audiencia Provincial de Ourense o xuízo polo chamado crime da Esmorga

Publicado o 22/04/2019 13:10

Foi neste encoro de Albarellos onde apareceu o 21 de decembro de 2014 o corpo sen vida de Alexandru, un mozo de 22 anos de orixe romanesa que vivía coa súa nai no Carballiño. A última vez que o viran fora de noite, polas rúas desta vila. Saíra de festa e nun local de ocio coñeceu os dous acusados. Cando pechou o establecemento decidiron seguir bebendo na casa dun deles nunha aldea de Boborás. Alí comezaron a discutir e acabaron pelexando. O dono da casa mesmo chegou a ameazar a vítima cunha pistola de matar os porcos. A súa muller foi testemuña dos feitos e abandonou a casa cos fillos e con outro mozo que fora de festa con eles. Os acusados continuaron a mallar na vítima. Tras deixalo malferido, segundo a fiscalía, metérono no coche e levárono ata o canal do río Viñao onde o tiraron aínda vivo. A autopsia constatou que morreu afogado.

Os dous acusados estiveron en prisión preventiva ata mediados de 2016. O Ministerio Fiscal impútalles un delito de asasinato con aleivosía e pide para cada un 18 anos de cadea. A acusación particular, que exerce a familia, eleva a pena a 25 anos. As defensas piden a libre absolución aínda que manteñen versións diferentes e enfrontadas.

O xuízo comeza este martes e alongarase ata o 7 de maio. Será con xurado popular e haberá máis dunha trintena de testemuñas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/04/2019