CRTVG

Buscar

Tres investigados tras golpear con estacas catro cabalos en Avión

Publicado o 07/03/2019 16:40

Unha operación do SEPRONA rematou con tres persoas investigadas por un delito de maltrato animal. Aconteceu no concello ourensán de Avión. Un grupo de persoas golpeou con estacas catro cabalos, e a consecuencia dos golpes un faleceu. Varias testemuñas que presenciaron os feitos foron as que deron a voz de alarma.

Os animais estaban neste descampado a carón da estrada principal, nas inmediacións do colexio público. Catro cabalos que semellaban salvaxes, algo habitual na zona segundo contan os veciños.
Tras dous meses de investigación e en colaboracion coa policía, o servizo de gandería da Xunta e os datos achegados polas testemuñas, o Seprona determinou que catro persoas procedentes da provincia de Pontevedra se puxeron de acordo para desprazarse ata Avión en dous vehículos e un remolque. Unha vez localizados os animais comezaron a golpealos brutalmente con estacas causándolles diversas lesións e mesmo provocando a morte dun deles.

Tres destas persoas prestaron declaración ante a Garda Civil en calidade de investigados por un delito de maltrato de animais. O xulgado de primeira instancia de Ribadavia será o encargado de instruír o caso. 

Noticias web

07/03/2019