Malestar entre os veciños do Grove polo estado en que está desde hai varios meses unha rúa do centro urbano
No centro urbano do Grove levan practicamente medio ano sendo conscientes dos problemas que implica circular pola rúa Alexandre Bóveda. O mal estado en que se atopa esta zona da vila supón que accións como transportar un carriño, usar a bicicleta ou levar os rapaces ao colexio, situado a carón da zona, se converta nun risco.
Din que dende que comezou esta situación, a raíz dunhas obras que máis tarde foron paralizadas, as administracións non achegan solucións efectivas.
O boca a boca e o impulso das redes sociais conseguiron que esta cuestión acadara certa repercusión neste concello. Esta mañá, ao tempo que varios operarios levaban a cabo tarefas de limpeza e reparacións, os veciños da vila reuníanse no consitorio co alcalde na procura de solucións que aceleren o proceso de reparación.
Polo de agora, continúan á espera de conseguir a recuperación deste céntrico tramo da localidade.