CRTVG

Buscar

Malestar en Alcoa polo Consello de Ministros, que non tratou o estatuto para as electrointensivas

Publicado o 16/01/2020 09:03

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao esperaban que o Goberno tomase medidas ao respecto das industrias electrointensivas no primeiro Consello de Ministros, pero non foi así, a pesar da promesa que fixera a propia ministra de Industria, Reyes Maroto, cando visitara a factoría de Cervo.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, fala dun "novo incumprimento, que nos pon un pouco enriba do cantil". "Estamos expectantes a que o Goberno diga algo, porque se antes era urxente e non o podían aprobar porque estaban en funcións, agora aínda é máis urxente e xa non están e funcións," asegurou.

"O estatuto será importante se veñen medidas que recollan a redución do prezo do megawatt. A diferenza con outros paíse europeos no prezo da electricidade é abismal, e estas empresas se non teñen un prezo competitivo acabarán deslocaliándose de España", asegura José Antonio Zan.

"Se temos unha diferenza de 30 euros no megawatt, esta fábrica por estar montada en España e non en Francia son 105 millóns máis cara", explican desde o comité de empresa de Alcoa en San Cibrao.

Os traballadores cancelan unha asemblea ao non ter noticia do estatuto

Precisamente, o feito de que ese estatuto de empresas electrointensivas non se aprobase no Consello de Ministros levou o comité de empresa da factoría que a multinacional Alcoa ten na Mariña de Lugo a cancelar a asemblea de traballadores prevista para mañá -día 17 de xaneiro- na fábrica de San Cibrao, porque os sindicatos pretendían analizar co resto do persoal ese novo estatuto.

"Cancélase a asemblea de traballadores ata novo aviso", informou o comité de empresa ao resto do persoal mediante un conciso comunicad. En canto ao motivo para cancelar esa reunión do persoal, o comité subliña que é "debido á falta de información sobre o estatuto".

Nese sentido, lembra que a aprobación do estaba prevista "para o venres 10 de xaneiro, no primeiro Consello de Ministros, que non chegou a celebrarse, e tampouco foi aprobado no celebrado o martes 14, incumprindo novamente o compromiso" adquirido o novo Goberno, segundo indica a nota.

A esa asemblea estaban chamados a participar os máis de 1.100 traballadores que integran o persoal de Alcoa en San Cibrao, despois de que a dirección da multinacional en España informase o comité de que as previsións da factoría para o ano que acaba de comezar son "malas".

De feito, se non se produce unha rebaixa no prezo da enerxía, a compañía calcula que as perdas este ano moveranse entre 85 e 90 millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/01/2020