CRTVG

Buscar

Malestar e desconfianza nas Pontes pola solicitude de peche da central térmica

Publicado o 28/12/2019 14:40

A solicitude de peche da central das Pontes causou certa perplexidade porque se produce cando aínda se están realizando probas con biocombustibles.
Marcos Prieto, vicepresidente do comité de empresa de Endesa As Pontes: "Estanse realizando unhas probas do proxecto de substitución do 100% do carbón por combusitbles renovables e locais. Entendemos que a empresa ten que profundizar nesa vía. Cremos que isto ten potencial, que se poden facer moitas cousas aquí, que hai que crear o ambiente cos interlocutores necesarios".

Endesa cualificou a decisión de inevitable, pero os traballadores cren que hai alternativas para conseguir unha planta viable. Insisten en que deben ser as administracións e non a empresa quen lideren o proceso de transición enerxética.
Alberte Amado, da Federación de Industria da CIG: "Ten que estar liderado pola Administración, os tempos e os prazos teñen que estar xestionados e impostos pola Administración. Entendemos que en relación a outras comunidades autónomas e a nivel europeo As Pontes vai con demora en falar de futuro".

A compañía pretende substituír a enerxía térmica por enerxía eólica. Garante os 174 empregos directos da central das Pontes e asegura que priorizará a contratación dos traballadores das auxiliares para o desmantelamento da térmica e para a conservación dos futuros parques renovables.
Nicasio Pena do Sector Enerxético UXT-Fica: "Teñen que informarnos de que van facer cos traballadores porque recolocación si, pero a ver onde os recolocan. Hai xente que ten as súas hipotecas e as súas familias e trasladalos implica o que implica".
Manuel Bouza, presidente da Asociación de Transportistas de Carbón: "Non estamos falando de 150 camioneiros, que tamén. Están aí, están amolados, quedaron de axudalos e non se fixo nada. Eu non podo crer esta xente".

Os integrantes do comité de crise das Pontes reuniranse o luns para analizar a situación.
 

Noticias web

28/12/2019