CRTVG

Buscar

Máis de vinte aulas pechadas en Galicia por casos de coronavirus

Publicado o 17/09/2020 20:12

En Arzúa está pechada desde hoxe a aula de quinto de primaria ao dar positivo un alumno. Os seus 22 compañeiros e mais a titora están en corentena nas súas casas. É o protocolo marcado, o que se segue en caso de que se detecte coronavirus nunha clase, e que de momento está funcionando sen problemas en Galicia.

Non hai un rexistro oficial de casos, pero xa se contabilizan máis de vinte aulas pechadas desde que se iniciou o curso a semana pasada. Ademais deste, hoxe coñecéronse casos en Vigo, en Cambre, en Ribadeo, en Ourense e en Vilagarcía.

Se hai un caso, íllase toda a clase. É o protocolo co que se traballa en Galicia para previr os contaxios nos centros educativos e que se está aplicando desde que a semana pasada empezou o curso. Xa hai máis de vinte aulas pechadas. Neste colexio público de Arzúa pechouse a de quinto de primaria por un positivo, e illáronse os 23 nenos da aula e a súa titora.
Algo similar ao que sucedeu nestroutro centro, o San Francisco de Vilagarcía, onde se confinaron 21 pequenos e unha mestra.

Juan Pérez, director do Colexio San Francisco: "Haberá goteos de casos continuos, o tema é saber que actuamos conforme ás indicacións, que hai coordinación e que os centros son lugares seguros".

O resto da actividade continúa normalmente no colexio. "Persoalmente estou tranquila porque vexo que os protocolos funcionan ben"; "fomos avisados desde un principio, e tomámolo con tranquilidade".

Nas últimas horas detectáronse dous casos en Redondela, no colexio Outeiro das Penas, onde hai uns 50 alumnos en corentena. Tamén outro en Vigo, no colexio dos Salesianos. E polo menos dous en Ourense, un no colexio das Xosefinas, e outro no Divina Pastora das Franciscanas.

Noticias web

17/09/2020