CRTVG

Buscar

Máis de 100 millóns de estadounidenses teñen xa orde de permanecer na casa

Publicado o 23/03/2020 07:14
Máis de 100 millóns de estadounidenses teñen xa orde de permanecer na casa

Os estados de Luisiana, Delaware e Ohio ordenaron este domingo aos seus residentes que permanezan na casa, de forma que máis de 100 millóns de estadounidenses están xa baixo corentena para tentar reducir a rápida expansión do coronavirus no país, que leva xa máis de 30.000 casos e centenares de mortos.

Con estes tres novos anuncios, son polo menos oito os estados do país que instaron á súa poboación a que evite saír á rúa para calquera actividade que non sexa "esencial", despois de que nos pasados días o fixesen en California, Nova York, Illinois, Oregón, Washington, Nova Jersey e  Connecticut.

O primeiro estado en tomar esta medida foi California, considerada a quinta economía mundial e cuxos 40 millóns de habitantes están en corentena desde o pasado venres.

O gobernador de Ohio, Mike DeWine, instou este domingo en conferencia de prensa a que permanezan na casa os máis de 11 millóns de residentes do estado.

A orde, que entrará en vigor a medianoite do luns ao martes, súmase á adoptada polo gobernador de Luisiana, Bel Edwards, que ordenou aos seus habitantes non saíren de casa desde a tarde do luns ata polo menos o 12 de abril.

"A medida que o número de casos continúa crecendo, estou a ordenar a todos os habitantes de  Luisiana que queden na casa, a menos que sexa absolutamente necesario que saian", indicou o gobernador aos máis de 4,5 millóns de residentes.

O terceiro estado en emitir unha orde similar foi o de Delaware, cuxo gobernador, John  Carney, asinou unha orde de confinamento desde primeira hora do martes ata o 15 de maio para os pouco menos dun millón de habitantes da rexión.

Para combater esta "ameaza á saúde pública", Carney pediu aos residentes que vaian traballar e regresen directamente á casa. "Se non necesita alimentos ou outros artigos esenciais, quede na casa", apuntou.

A estes estados sumouse ademais a cidade de Filadelfia, a maior urbe de Pensilvania, que anunciou este domingo unha orde para quedar na casa aos seus 1,5 millóns de habitantes.

A expansión da enfermidade preocupa ao presidente Donald Trump, que puxo a Garda Nacional ao dispor dos estados de Washington, Nova York e California.

"Estes estados foron os máis afectados", asegurou o gobernante durante a conferencia de prensa diaria do grupo de traballo da Casa Branca, que ten por obxectivo achaiar a curva de contaxios e falecidos.

Efectivos da Garda Nacional -unha forza de reserva que opera en cada estado e que pasa ao control do presidente en tempos guerra ou crise- apoiarán estes estados na construción de unidades para albergar enfermos e garantirán o abastecemento.

Este domingo, o gobernador de Nova York, Andrew Cuomo, pediu asistencia do Goberno federal, despois de informar de que a cifra de contaxios nese estado ascendía a 15.168, mentres que a de falecidos polo COVID-19 é de 114, o que sitúa este estado no primeiro lugar de vítimas mortais polo coronavirus no país.

Para axudar na atención dos enfermos está previsto que chegue á costa da cidade un barco hospital, o USNS Comfort, que conta cuns mil cuartos, pero non o fará ata dentro dunhas semanas, pois está en pleno proceso de melloras.

Trump anunciou este domingo, ademais, que enviará o USNS Mercy, outro barco hospital que está atracado en San Diego e chegará ao porto dos Ánxeles de aquí a uns días.

Na mesma conferencia de prensa de Trump, o vicepresidente Mike Pence informou de que polo menos 254.000 estadounidenses xa fixeron a proba do coronavirus e que máis de 30.000 deron positivo.

Este número sitúa o país no terceiro posto nas estatísticas mundiais de contaxios, por baixo de China e Italia e xa por riba de España.

Pence non informou da cifra de falecidos por causa do COVID-19; mentres os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) sinalan que se rexistraron 201 mortos, o reconto realizado por diversos medios leva esa cifra ao dobre.

Os contaxios por coronavirus chegaron ao corazón da política en Washington, no Capitolio, onde este domingo se coñeceu que dera positivo o senador Rand Paul, o cal levou a outros catro lexisladores republicanos da Cámara Alta a optar por permanecer en corentena voluntaria.

Iso complica as opcións de aprobar medidas para combater os efectos na saúde e na economía, pois hai menos votos para chegar aos 60 necesarios para sacar adiante o paquete lexislativo de estímulo económico con que facer fronte ao COVID-19.

Neste sentido, os senadores non chegaron a un acordo este domingo e fracasou a votación para avanzar no proceso de aprobación dun millonario paquete de axudas; daquela, as conversas deberán continuar para que se chegue a un pacto  bipartidista.