CRTVG

Buscar

Maduro indulta un cento de opositores, activistas e xornalistas

Publicado o 31/08/2020 22:18


O Goberno de Venezuela indultó este luns, mediante decreto presidencial, deputados opositores presos ou exiliados e outros cuxa inmunidade fora cancelada e tamén xornalistas e actores sociais detidos ou acusados de diversos delitos, segundo explicou o ministro de Comunicacións, Jorge Rodríguez, en conferencia de prensa.

Entre os 110 indultados, atópanse os lexisladores Freddy Guevara, Freddy Superlano, Miguel Pizarro e Roberto Marrero, e mais o xornalista Nicmer Evans, que está preso nas instalacións da Dirección Xeral de Contraintelixencia Militar (DGCIM). Os indultos concedéronse por decreto asinado polo presidente Nicolás Maduro, co "supremo compromiso" de alcanzar a "paz e a reconciliación", que entrará en vigor na data de publicación na Gaceta Oficial de Venezuela.

O mandatario tomou a decisión tan só tres días despois de que lle fora outorgado arresto domiciliario ao deputado opositor Juan Requesens, tras 752 días, pola súa presunta participación no errado atentado contra o presidente Nicolás Maduro o 4 de agosto de 2018. Segundo Rodríguez, os indultos outórganse no marco dos acordos entre o Goberno e a oposición previos ás eleccións á Asemblea Nacional (AN, Parlamento) que se celebrarán o próximo 6 de decembro.

Fóra da longa lista de indultados quedaron algunhas das figuras máis representativas da oposición venezolana, como Leopoldo López, hospedado na Embaixada de España en Caracas, ou Enrique Capriles, dirixente do partido Primero Justicia e dúas veces candidato a eleccións presidenciais, que está en condición de inhabilitado.

Con todo, si que se viron beneficiados pola medida o primeiro vicepresidente da Asemblea Nacional liderada por Juan Guaidó, Juan Pablo Guanipa, ou Henry Ramos Allup, dirixente do partido socialdemócrata Acción Democrática (AD) e unha das voces máis notables da oposición.

Noticias web

31/08/2020