CRTVG

Buscar

A Comunidade de Madrid, Vitoria e Labastida suspenden as clases en todos os centros educativos

Publicado o 09/03/2020 20:51

• Recomendan teletraballo e flexibilidade laboral nestes tres lugares

• Sanidade eleva a alerta a "contención reforzada"

• Hai máis de 1.200 contaxiados e 29 falecidos

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou que se elevou o escenario de alerta contra o coronavirus, que pasa de contención a "contención reforzada" e contén medidas adicionais, como a suspensión de todas as clases de 0 anos ata a universidade en Madrid, Vitoria e Labastida, xa que son "zonas con índice de transmisión alto". Así o avanzou Illa na conferncia de prensa tras a celebración por videoconferencia dun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) extraordinario en que autoridades sanitarias do Ministerio e das comunidades autónomas abordaron a pertinencia de novas medidas para atallar o brote de coronavirus.

A Comunidad de Madrid decidiu pechar durante os próximos 15 días todos os centros escolares e universidades ante o rápido crecemento de positivos na rexión. Así, únese ao Gobierno Vasco, que suspendeu esta mañá toda a actividade educativa en Vitoria durante dúas semanas. O peche en Madrid e na cidade vasca inclúe centros docentes de todo tipo, tanto públicos como privados, e de todas as etapas.

Os casos contabilizados en España por COVID-19 elévanse a 1.204, segundo o balance oficial que facilita o Ministerio de Sanidade cada tarde ás 18:00 horas. Son 205 casos máis que no reconto ofrecido este mediodía. Ata o momento, 29 persoas faleceron, doce máis que este domingo, 30 curaron e 24 están na UCI. 

Madrid

A Comunidade de Madrid decretou a suspensión das clases desde o mércores nas garderías, colexios, institutos e universidades, públicas e privadas, durante o próximos quince días debido ao coronavirus. Anunciouno a presidenta autonómica, Isabel Díaz Ayuso, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Goberno extraordinario, que se reuniu o luns á tarde na Real Casa de Correos, e despois de comunicalo aos representantes dos grupos parlamentarios.

Na rexión detectáronse un total de 578 casos e 17 mortos por COVID-19. Destes, segundo debullou a dirixente madrileña, o cinco por cento están ingresados na UCI, o 15 por cento presentan un cadro leve e o 80 por cento teñen infeccións leves. "O Goberno autorizou algunhas restricións que sinto comunicarlles pero que son imprescindibles. Pedimos a colaboración da poboación e especial coidado para o sector de maior risco, que son os maiores. Non foi fácil tomar estas decisións, pero entendemos que a saúde pública esta por encima de todo", manifestou. 

Euskadi

O Goberno vasco reuniuse esta tarde de urxencia para avaliar a situación, tras decretar o peche dos centros educativos en Vitoria e en Labastida. Durante o tempo que permanezan pechados, as autoridades sanitarias recoméndanlles aos estudantes que fagan vida normal, pero que eviten as aglomeracións en recintos pechados con máis de 500 persoas.

En Vitoria púxose tamén en corentena unha residencia de maiores. E tamén se acaba de pechar a academia da Ertzaintza de Arkauta, na mesma provincia de Áraba. O lehendakari di que son medidas necesarias para frear o avance no coronavirus.

Teletraballo

O Ministerio de Sanidade, de acordo coas comunidades autónomas, recomendou medidas como o teletraballo e a flexibilidade horaria laboral na Comunidad de Madrid e nas cidades de Vitoria e Labastida, O ministro sinalou que é aconsellable o teletraballo sempre que sexa posible, e tamén a flexibilización do horario laboral e as quendas graduadas.

Noticias web

09/03/2020