CRTVG

Buscar

Madrid estuda repartir máscaras nos centros de saúde

Publicado o 06/04/2020 20:50

As rúas de Madrid están baleiras en plena Semana Santa. Os controis son intensos nas saídas da comunidade para evitar desprazamentos a segundas residencias. Nas últimas horas aumenta a porcentaxe de curados, que segue arredor do 50 % dos casos, e baixa a presión sobre as UCI. A Comunidade avalía repartir máscaras entre os cidadáns a través dos centros de saúde. Xa recibiu 130.000 do Goberno. Tamén chegaron 200.000 tests rápidos.

Seguen preocupando as residencias de maiores, onde a incidencia da pandemia é moi alta.
Cataluña é das comunidades que aínda non logrou reverter a curva. Este luns levantouse o confinamento de Igualada e outras localidades próximas, que estaban pechadas desde o 12 de marzo.

O hospital logrou recuperar 200 dos 300 traballadores que estaban en corentena e volve a certa normalidade. Era o 40 por cento do cadro de persoal. Os Mossos fan controis especiais para evitar desprazamentos estes días. As residencias de anciáns tamén están no foco da pandemia: nunha de Barcelona morreron 13 persoas na última semana e noutra de Tarragona houbo sete mortos en dez días.

Noticias web

06/04/2020