CRTVG

Buscar

Cataluña e Madrid empezan a dar síntomas de controlar a epidemia

Publicado o 07/04/2020 08:20

A situación semella relaxarse nas comunidades máis afectadas pola COVID-19. Os principais hospitais de Madrid notan unha rebaixa da presión asistencia,l e crese que xa se chegou ao pico. Cataluña ergueu o cerco de Igualada. Pero as mortes seguen porducíndose a un ritmo moi alto: Barcelona avisa de que non poderá incinerar todos os seus falecidos. 

A cidade de Barcelona xestionou a semana pasada 200 servizos funerarios ao día, catro veces máis do habitual. O Concello avisa que xa non ten capacidade para atender todas as cremacións que se lle solicitan e decidiu que a partir do mércores se adían e se opta por un enterro provisional.

Este luns Cataluña rexistrou 148 falecidos coa COVID-19. A situación segue sendo crítica nas residencias de anciáns, e na comunidade autónoma xa hai máis centros con casos positicos ca sen eles. Máis de 900 usuarios morreron por causa da pandemia. Con todo, a situación reláxase noutras zonas. A Generalitat rematou co cerco de Igualada e o hospital desa localidade está en fase de estabilización.

En Madrid morreron 5.136 persoas coa COVID-19 dende o inicio da pandemia. Alí os centros sanitarios tamén reciben menos presión. O luns pasado atenderon case dúas mil urxencias, e onte foron 390. Nalgúns grandes hospitais planifican certo repregamento dos medios e rebáixase a tensión nas UCI.

A xestión de Isabel Díaz Ayuso da crise nos xeriátricos, onde morreron tres mil persoas en marzo, cuestiónase agora por causa da irrupción de Encarnación Burgueño en funcións que segundo a Comunidade de Madrid son de apoio. Ela é a filla de Antonio Burgueño, exdirector xeral de Hospitais, coñecido por impulsar fortes recortes e medidas de privatización da sanidade durante a crise e que arestora tamén está no equipo asesor da consellería de Sanidade madrileña.

Noticias web

07/04/2020