CRTVG

Buscar

Madrid amplía as restricións de mobilidade a 8 zonas sanitarias máis

Publicado o 25/09/2020 12:20

Cada día polémico é un día perdido. E os expertos pensan que Madrid leva semanas sen actuar coa suficiente eficacia. A partir do luns máis dun millón de madrileños terán restricións de mobilidade ao ampliarse a oito zonas básicas de saúde as mesmas medidas vixentes noutras 37 da capital e seis concellos máis.

Discrepancia entre o Goberno rexional e central, que pide que se estendan a máis áreas que cumpren os mesmos requisitos. O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, solicita que as medidas se estendan a toda a capital e a todos os municipios que teñan máis de 500 casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes. 

No que coinciden as dúas administracións é en pedir que se eviten movementos innecesarios en toda a comunidade. Ayuso defende que máis que confinar Madrid, a misión é axudar as persoas coas medidas que consideran axeitadas. Desde a súa administración sanitaria piden criterio homoxéneo para todas as comunidades e din sentirse discriminados.

Desde o Ministerio de Defensa aseguran que teñen 7.500 militares á disposición da Comunidade de Madrid para colaborar nas tarefas da contención da pandemia. Pero insisten en que o Goberno madrileño aínda non emitiu ningunha petición formal para solicitar esta colaboración das Forzas Armadas.