CRTVG

Buscar

Macron anuncia o inicio da desescalada en Francia a partir do sábado

Publicado o 24/11/2020 20:57

O país supera xa os 50.000 contaxios

Francia sairá de forma lenta e progresiva do actual segundo confinamento contra a pandemia e iniciará, en decembro ou xaneiro, unha campaña de vacinación "rápida e masiva" da súa poboación, anunciou este martes o presidente Emmanuel Macron.

Nunha intervención televisada ao país, Macron presentou aos franceses un plan detallado para abrir progresivamente o país, sempre que os hospitais non se saturen, con medidas que se sucederán desde agora ata o 20 de xaneiro.

A vacinación comezará unha vez que as autoridades sanitarias dean a súa autorización final e prevese que se inicie "a finais de decembro ou comezos de xaneiro", con prioridade inicialmente "para persoas de máis idade", afirmou. "Non farei que a vacinación sexa obrigatoria", asegurou o presidente, nun país onde preto da metade da poboación di que non desexa vacinarse, segundo varias enquisas recentes.

Macron detallou unha saída progresiva e por etapas do actual confinamento, en vigor desde o 30 de outubro. A primeira etapa comezará o vindeiro sábado coa apertura de comercios non esenciais, como tendas de roupa e calzado, librerías ou axencias inmobiliarias, cun protocolo moi estrito: un cliente cada 8 metros cadrados, o dobre que antes do confinamento. Tamén se volverán permitir as cerimonias relixiosas cunha limitación de 30 asistentes, e os desprazamentos ampliaranse a 20 quilómetros e durante 3 horas, fronte a 1 quilómetro e 1 hora na actualidade. Seguirá facendo falta un xustificante para saír.

A segunda etapa chegará o 15 de decembro, se os parámetros da pandemia seguen baixando, cando se eliminarán os xustificantes e as restricións nos desprazamentos para que os cidadáns poidan viaxar para as celebracións do Nadal. Con todo, volverase ao toque de queda das 21:00 ás 07:00 horas, salvo para as noites do 24 e o 31 de decembro. Tamén se permitirá a reapertura de cinemas, teatros e museos. 

Macron multiplicou os chamamentos á prudencia durante o Nadal para "evitar unha terceira onda e un terceiro confinamento". Por iso, insistiu en que se manteñan a distancia social e a hixiene, se ventilen os espazos, se use a máscara e se eviten as saídas inútiles e as reunións multitudinarias, incluídas as familiares. "O obxectivo é salvar o máximo de vidas e dominar a epidemia", alertou.

Francia supera os 50.000 mortos 

O coronavirus ocasionou xa en Francia máis de 50.000 mortos, despois de que nas últimas 24 horas se sumen outros 458 falecidos, informou este martes Sanidade. En total, son 50.237 as persoas falecidas en Francia, o sétimo país do mundo con máis vítimas por esa enfermidade, só superado polos Estados Unidos, O Brasil, A India, México, Reino Unido e Italia, segundo a universidade John Hopkins.

O número de contaxios rexistrados nas últimas horas foi de 9.155, máis do dobre que a véspera, co que se superan xa os 2.150.000 pacientes. Iso sitúa a Francia en cuarta posición en positivos. Nos últimos sete días 12.174 persoas ingresaron en hospitais por esta enfermidade, delas 1.833 en unidades de coidados intensivos, sinalou Sanidade.

Noticias web

24/11/2020