CRTVG

Buscar

A factoría de PSA en Vigo espera non saír prexudicada polo plan do goberno francés

Publicado o 26/05/2020 22:44

A versión eléctrica do Peugeot 2008 foi presentada en Vigo hai case un ano. Ademais, a multinacional francesa PSA ten previsto producir na factoría galega, a maior de Europa, a versión eléctrica de toda a gama de vehículos comerciais. De aí que nesta fábrica tomen con calma o plan anunciado onte polo presidente francés para relocalizar a produción das empresas francesas do sector da automoción. 

Desde CCOO, Santiago García afirma que "a afectación a curto e medio prazo non será grande, porque estamos convencidos de que as condicións da produción aquí son as máis beneficiosas para o grupo". Con todo, si hai certa preocupación para o longo prazo, "para adxudicación de novos modelos ou para os talleres, onde nós fabricamos baterías eléctricas", di.

O presidente francés, Emmanuel Macron, presentou este martes un plan de 8.000 millóns de euros de axuda ao sector automobilístico para facer fronte á crise, que inclúe o compromiso dos grupos PSA e Renault de fabricar en Francia os seus vehículos "limpos", eléctricos e híbridos.

Macron, que detallou os seus anuncios nunha planta da empresa de compoñentes, explicou que a cambio do apoio público, PSA e Renault terán que "relocalizar a produción con valor engadido en Francia e consolidar e manter a totalidade da produción industrial" nas plantas que teñen no país.

PSA vai pasar de nin un só vehículo eléctrico ou híbrido ensamblado en Francia o pasado ano a 130.000 en 2021, cun investimento de máis de 400 millóns de euros nas futuras cadeas de tracción eléctrica e no citado proxecto europeo de baterías do que xa é socio xunto a Total e a Saft.

Ademais, PSA indicou que no horizonte de 2022 nas súas instalacións de Sochaux se ensamblará o Peugeot 3008 eléctrico. 

Con todo, en Vigo cren que as factorías francesas non poden competir coa produtividade e os resultados da factoría galega, polo que din que sería moi difícil levar a produción de aquí a Francia. Cara os vindeiros anos, o que máis preocupa, segundo Santiago García, é perder o valor engadido da tecnoloxía. "Non queremos converternos nunha mera fábrica ensambladora; queremos manter aquí a produción tecnolóxica". 

Santiago García asegura, ademais, que "somos o grupo europeo mellor preparado para adaptarnos á normativa europea sobre gases contaminantes".

Renault, primeiro beneficiado

O primeiro beneficiado será Renault, que está nunha situación delicada e espera como auga de maio un préstamo garantido polo Estado de 5.000 millóns de euros. De todos os xeitos, Macron dixo que o crédito non se outorgará ata que conclúan as negociacións que a dirección debe iniciar o vindeiro luns cos representantes dos traballadores para darlles garantías e fixar unha estratexia de futuro.

Renault presentará o venres un plan de axuste para o que a dirección non excluíu nin o peche de factorías nin a supresión de empregos.

Máis dun millón de coches limpos cada ano

A ambición de Macron para o sector é "facer de Francia a primeira nación de vehículos limpos en Europa", cunha produción anual de máis dun millón de coches eléctricos, híbridos enchufables ou híbridos simples no horizonte de 2025. Para chegar a iso, Renault comprometeuse a triplicar a súa produción de coches eléctricos para chegar a 240.000 en 2022 e a localizar tamén en Francia o novo motor eléctrico que desenvolveu dentro da súa alianza con Nissan, que inicialmente debía fabricarse en Asia.

O grupo do rombo -cuxo primeiro accionista é o Estado, xunto a Nissan, cun 15 % cada un- tamén entrará na alianza industrial impulsada por París e Berlín para fabricar en Europa as baterías dos coches eléctricos, que supoñen ao redor do 40 % do seu valor.

Para tentar relanzar o mercado automobilístico en Francia, que en abril en pleno confinamento se afundiu un 88,8 % respecto ao mesmo mes de 2019 e que acumulou máis de 400.000 unidades invendidas, Macron anunciou un paquete de 1.000 millóns de euros en subvencións.

Noticias web

26/05/2020