CRTVG

Buscar

Luz verde do Goberno á Lei contra as violencias sexuais

Publicado o 03/03/2020 14:30

• O consentimento deberá ser expreso e eliminará a distinción entre abuso e violación

Eliminar o concepto de abuso sexual, rebaixar as penas para as violacións e as agresións deste tipo, e considerar agravantes as cometidas en grupo, contra a propia parella ou drogando a vítima para anular a súa vontade. Son algúns dos aspectos máis salientables dun anteproxecto de lei que a ministra de Igualdade considera pioneiro en todo o mundo e xestado nas rúas co fin de acabar coa violencia machista.

Este último aspecto fará preciso reformar o Código Penal. Porén, o borrador elaborado polo equipo de Montero recibiu críticas pola súa falla de rigor. A ex-voceira socialista de Igualdade cando se asinou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, Ángeles Álvarez lembraba nun chío que "unha lei é algo serio" e que sentía que o seu partido tivese "que corrixir" a ministra. "As políticas de igualdade", engadiu "non poden ser o laboratorio de aprendizaxe de Podemos".

Citando fontes do Goberno, distintos medios publican este martes que a vicepresidenta Carmen Calvo coordinou contra o reloxo unha profunda revisión do texto inicial, que o Ministerio de Xustiza entendía máis político que lexislativo; e invasivo en aspectos reservados a outras leis, como a de protección dos menores, ou noutros como a asistencia social e a educación, que son competencia das comunidades autónomas. Tanto Irene Montero como a voceira socialista no Congreso réstanlle importancia.

A ministra de Igualdade incidiu na necesidade de que toda a sociedade española se conciencie de que existen condutas ata o de agora naturalizadas que supoñen violencia contra as mulleres e que así se recollerá na lei.

Noticias web

03/03/2020