CRTVG

Buscar

Luis Planas: "Reivindicouse todo o sector agroalimentario na pandemia"

Publicado o 15/01/2021 10:45

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, cre que "o sector agroalimentario se reivindicou na pandemia", porque nunha situación de crise sanitaria "o importante é a saúde e a alimentación".

Nunha entrevista no espazo Bos días da Televisión de Gaicia, Planas, que realiza unha visita á comunidade autónoma, referiuse ás repercusións do brexit no sector pesqueiro galego: "É un divorcio, e un divorcio nunca é feliz", recoñeceu, pero asegurou que co acordo final entre a UE e o Reino Unido neste ámbito se conseguiu "que durante cinco anos e medio estea garantido o acceso a augas". Respecto das cotas de pesca rebaixadas, asegura que é "un bo resultado" para as especies de maior importancia, como a pescada, o peixe sapo ou o rapante.

"Aposto polo futuro do sector porque non significa só unha pequena parte do PIB, significa moitas empresas, homes e mulleres nun sector que dá emprego, pero, sobre todo, crea morfoloxía e realidade social en moitas zonas", dixo.

Nese sentido, avanzou medidas do Goberno para que sexa un sector "que atraia os mozos". Entre elas, destinar parte dos 1.120 millóns que o fondo europeo marítimo da pesca e a agricultura a accións de modernización dos buques pesqueiros que afonden na súa confortabilidade e eficiencia, "porque é un dos oficios máis duros que hai".

Respecto do sector agrogandeiro, o ministro cre que é un sector de futuro e puxo un exemplo: "Este ano a maquinaria agrícola rexistra matriculacións un 20 por cento superiores á media dos últimos cinco anos", o que indica, dixo, que "hai moita xente apostando polo sector agroalimentario, iso quere dicir que hai futuro". Para iso, dixo, "hai que lograr un ggran pacto entre o ministerio e as comunidades autónomas porque Bruxelas pediu un plan nacional" en relación á Política Agraria Común (PAC)". 

"Non apoiamos quilómetros cadrados ou hectáreas, apoiamos persoas", aseverou, en relación coas axudas.

Respecto do sector leiteiro, Planas avogou porque a industria galega incremente o valor do leite a través da transformación, e tamén amosou a súa preocupación polos baixos prezos que se están pagando no leite de marcas brancas. Nese sentido, dixo que o seu obxectivo é lograr que a cadea de valor sexa equilibrada.

Avanzou que nestas datas o Goberno vai aprobar un decreto para a  identificación da produción de leite ecolóxico ou destinado a queixos de denominación de orixe ou de indicación xeográfica protexida.

Goberno de coalición

"Son dúas almas e un mesmo Goberno", dixo o ministro respecto das dúas formacións que compoñen o Executivo. "A partir de aí, que haxa dúas visións forma parte da normalidade democrática", engadiu, e "un reflexo do que os cidadáns quixeron".

Luis Planas referiuse, por exemplo, ás diferenzas exteriorizadas entre Unidas Podemos e o PSOE respecto da monarquía. Así, en relación coas declaracións de Pablo Iglesias, dixo que "son as súas opinións, non a política do Goberno". Na súa opinión, "temos un excelente rei que reflicte a monarquía do século XXI".

Noticias web

15/01/2021