CRTVG

Buscar

O Lugo derrota o Compostela cun único gol de Manu Barreiro

Publicado o 28/07/2019 16:49

Houbo dúas facianas ben diferenciadas do Lugo. Unha primeira metade con tres xogadores do filial na que lle custou moito inquedar ao Compostela. De feito, as mellores opcións foron para o equipo de Terceira División. Dirixido pola zurda do lucense Pablo Antas o Compos mereceu marcar algún gol, en especial con este lanzamento do propio Antas dende o centro do campo que a piques estivo de converterse no gol da pretemporada.

Na segunda parte Eloy meteu un equipo máis recoñecible. Só repetiron José Carlos e Lebedenko na defensa e Borja Domínguez no centro do campo. A forza de Seoane e Grau na medular e a inclusión de Juan Muñiz, Christian Herrera e Manu Barreiro na dianteira fixeron que o rival fose dando pasos cara atrás.

Eloy Jiménez: "A segunda parte creo que estivemos ben, co que seguimos traballando de presión alta, roubar en campo contrario, con moito dominio e moitas ocasións. A verdade, moi contento".

Aguantou o Compostela ata que chegou este centro de Calderón dende a dereita rematado por un santiagués, Manu Barreiro. Só quedaban dez minutos para o final. Manu Barreiro: "Agora o que se busca é coller minutos e ritmo de xogo que, por moi pouco que estés parado no verán, pérdese e é importante meter goles e para os de diante moito máis".

Trofeo para o Lugo que xogará a vindeira semana outros dous amigables, diante do Oviedo e Real Madrid Castela.

Noticias web

28/07/2019