CRTVG

Buscar

Lugo segue á cabeza no tocante a novos casos positivos

Publicado o 31/08/2020 14:37

No punto de autocovid do hospital de Lugo continúa o goteo de persoas que veñen facer a proba PCR. Nas proximas horas comezará o cribado masivo do Sergas para frear a transmision do virus na cidade. Farán as probas o persoal de hostalería do barrio da Milagrosa, arestora a zona cero en contaxios da cidade, e traballadores máis expostos por ter un maior contacto coa poboación, coma empregados municipais, axentes da policia.

Hoxe é o terceiro dia que a actividade na cidade está limitada polas restricións sanitarias. As máis duras afectan ao barrio da Milagrosa onde a hostelería decidiu baixala reixa como protesta. Tan so podían atender en terraza e a metade da súa capacidade. O barrio languidece e a apenas hai movemento nas suas ruas.

"Vemos un barrio que está o 5 por cento da xente que circula, que compra nesta zona", explica o presidende da asociación de veciños local, Valentín Arias.

"Esta semana haber como facemos, moitos pecharon como protesta, e nós pois haber como nos arranxamos"; "Souben que había un contaxiado no bar onde tomo o café"; "Están ben as medidas, se as tomaron será porque son necesarias", comentan os veciños.

No resto da provincia preocupa a situación das residencias. A máis grave segue a ser a do Incio. Hai un novo positivo entre os usuarios que eleva a cifra de contaxios a 89 internos e 27 traballadores. Nas últimas horas tamen se rexistraba duas vitimas mortais, unha muller de 93 anos e un home de 90 que faleceron no Hula e que eleva a sete os finados neste gromo. Mañá pola mañá están citados os primeiros veciños dos 200 que van participar no cribado para coñecer o alcance do gromo no municipio.

O outro foco está na residencia de Outeiro de Rei, a de maior tamaño da provincia, con 200 residentes. Aqui hai 18 ancians contaxiados, tres deles ingresaron no hospital, e cinco traballadoras que están illadas nos seus domicilios.

Lugo rexistra hoxe 730 casos activos, 55 máis ca onte.

Noticias web

31/08/2020