CRTVG

Buscar

Lugo iguala o número de casos activos que se alcanzou no mes de abril

Publicado o 30/08/2020 14:46

Lugo volve estar este domingo á cabeza en canto ao aumento no número de casos. É a área que rexistra maior número de casos novos nas últimas horas. Desde onte sumou 71 positivos. Mentres, no barrio da Milagrosa, onde se aplicaron maiores restricións polo aumento de casos, a maior parte dos establecementos de hostelaría permanecen pechados.

Rúas sen xente, negocios coa porta pechada e traballos reforzados de desinfección en todo o barrio. É a imaxe da Milagrosa este domingo.

Despois da entrada en vigor da orde da Xunta, que restrinxiu nestas rúas as reunións a cinco persoas e limitou tamén a actividade dos restaurantes e bares. Moitos dos negocios que só podían atender nas terrazas pecharon xa onte e non entenden esta restrición nunha cidade pequena onde a xente se move dun lado a outro.

"Decidimos pechar cinco días en plan de protesta porque vemos un pouco inxusto que nós teñamos que estar cunhas limitacións moito máis altas ca calquera zona de Lugo, cando en Lugo a mobilidade de barrios é contínua porque imos todos dun lado a outro e en media hora cruzas Lugo enteiro. Non entendemos moi ben que na Milagrosa non poidamos traballar igual ca no resto da cidade. A zona do contaxio segue aberta, segue sen limitacións e a zona da Milagrosa é a única que está con limitacións agora mesmo, de todo Lugo", di este hostaleiro.

Os espazos públicos como paradas de autobús, mobiliario urbano e beirarrúas están sendo desinfectados mentres se seguen realizando probas para localizar novos positivos. En total, en toda a área sanitaria, que inclúe tamén Monforte e A Mariña hai 675 casos activos. Nas últimas horas rexistráronse 71 novos. Hai catorce pacientes ingresados e tres na UCI do hospital de Lugo.

En canto aos últimos gromos detectados no Páramo, hai un novo caso en estudo que se sumaría aos 7 positivos computados ata agora.

Noticias web

30/08/2020