CRTVG

Buscar

Lugo, entre as capitais de provincia máis baratas para compartir piso

Publicado o 29/08/2019 19:49

Lugo figura entre as cidades máis económicas para compartir un piso arrendado, segundo unha plataforma en liña que opera no ámbito estatal. No polo oposto encóntrase A Coruña, onde se dispara a demanda dos alugueiros compartidos por maiores de 30 anos. 

Cun prezo medio de 170 euros, Lugo é a cuarta cidade máis económica no ámbito estatal á hora de compartir piso. Así o indica un informe realizado por unha plataforma dixital dedicada ao negocio inmobiliario. Pola súa parte, as axencias luguesas sinalan que esta práctica, antes relegada aos estudantes, xa se estendeu aos maiores de 30 anos.

Raquel Pasarín, comercial inmobiliaria: "No último ano incrementouse moito esta práctica debido a que aumentaron moito os prezos do alugueiro. Estámonos encontrando con que hai pouca vivenda, as poucas que hai son moi antigas e teñen tezos prohibitivos. Estamos falando de que ao mellor nun segundo sen ascensor estamos pagando 500 euros, e na zona norte de Lugo, cando antes eran sobre 300".

Javier López Jato, xerente dunha inmobiliaria: "En Lugo non é o máis común. O típico é o alugueiro que se viña facendo sempre. Pode ser, puntualmente e xa que o alugueiro subiu moito, que algunha xente teña que compartir a vivenda con algún compañeiro ou amigo para poder afrontar os gastos que supón o arrendamento da vivenda".

"Agora, a verdade, é que xa non só veñen estudantes, que quizais teñen as súas residencias e xa non buscan un cuarto. Vén xente máis maior e que incluso non son de aquí, senón que son inmigrantes".

O caso oposto en Galicia é o da Coruña. Segundo o mesmo estudo, a cidade herculina é a décima capital de provincia cunha maior demanda á hora de compartir vivenda.

Noticias web

29/08/2019