CRTVG

Buscar

'Luces verdes na fronda', exposición de Xaquín Chaves

Publicado o 19/10/2018 19:22

Entremos na Galería Metro de Santiago para ver 'Luces verdes na fronda', a exposición de Xaquín Chaves. O pintor presenta traballos, moitos deles, realizados o pasado verán. Son cadros abstractos para unha mostra fiel a súa ocupación e preocupación pola cor.

Xaquín Chaves, pintor: "Sempre a cor foi un elemento fundamental. Son un pintor moi cromático que nalgunhas etapas subín moito a temperatura da cor, nestes momentos baixou bastante a temperatura cromática".

Ao principio foi a paisaxe, que este artista da ría da Arousa pinta e reinventa ata pousarse na memoria da súa abstracción.

"Empecei a pintar polo impacto da paisaxe, vas pasado por moitas etapas ata que eso quedou algo arriconado, ata que dende hai seis ou sete anos o tomo bastante en serio. Hai bastante osmose entre a acuarela e outras pinturas de campo e a abstracción".

Insinúa as formas e crea unha pintura chea de veladuras, de cores que se entreveran, grazas aos pigmentos, unha técnica que empuxa a unha unha loita co azar.

"Hai que terlle repecto aos materiais. Os materiais non che poden dar o que non teñen, agora, podenche dar o que teñen, hai que ter unha empatía co material. Ás veces tes sorte e sae algo que esta moi ben".

Admirador de Mark Rothko e Jose Guerrero, a súa abstracción pode navegar ata o cadro que lle dá nome á exposición e inspirado nunha visión submarina na enseada de Rande, en Vigo. Un cadro realizado con pigmentos turcos, para acadar unha cor azul verdosa fundida nunhas formas indefinidas.

Mais o primeiro é a observación. "Ir observando, porque os pintores son moi observadores. E se eres observador do interno, ademais do externo, pois moito mellor. Para min a observacion é un manacial", di.

Unha dobre mirada a paisaxes exteriores e interiores nunha pintura chea de matices e suxestións. A madurez de Xaquín Chaves, nas luces verdes na fronda.

 

Noticias web

19/10/2018