CRTVG

Buscar

Último día para poder circular a 100 km/h nas estradas convencionais españolas

Publicado o 28/01/2019 20:28

Último día para poder circular a 100 km/h nas estradas convencionais españolas. A partir de mañá entra en vigor o real decreto que modifica o límite máximo de velocidade nas estradas convencionais, é dicir, aquelas que son de dobre sentido de circulación e que non contan cunha medianeira física de separación entre os carrís. A partir de agora, neste tipo de vías non se poderán superar os 90 km/h. O obxectivo, reducir a sinistralidade e a mortalidade nas estradas.

Era o momento en que os operarios cambiaban un dos últimos sinais de 100 por outro de 90. Dende este martes esa, 90 quilómetros por hora, é a velocidade máxima que estará permitida para os turismos nas estradas convencionais de todo o país. Aquelas que teñen dous sentidos de circulación e cuxos carrís non están separados por unha medianeira física.

No caso dos camións a velocidade máxima sitúase agora nos 80 quilómetros hora. Dende a Dirección Xeral de Tráfico agardan que con esta medida, implantada xa en gran parte dos países europeos, se logre reducir nun dez por cento o número de falecementos nas estradas convencionais, as vías en que se rexistra a maior cantidade de accidentes graves. En Galicia, o 88 por cento teñen lugar en estradas deste tipo.

En Galicia foi preciso cambiar uns 800 sinais que tiñan o indicativo de 100 para adaptalos á nova normativa de velocidade. Máis de 2.000 quilómetros da rede secundaria galega quedarán agora limitados a 90 km/h.





 

Noticias web

28/01/2019