CRTVG

Buscar

Londres non renova a licenza a Uber por eivas na seguridade dos pasaxeiros

Publicado o 25/11/2019 18:00
Londres non renova a licenza a Uber por eivas na seguridade dos pasaxeiros

A xestora pública Transport for London (TFL) confirmou este luns que non renovará a licenza á plataforma Uber para operar o seu servizo de taxis en Londres tras detectar varias infraccións que comprometen a "seguridade" dos pasaxeiros.

O permiso da empresa privada de transporte estará vixente ata esta noite ao 23.59 GMT, cando expirará, aínda que os vehículos poderán seguir traballando na capital á espera do que suceda coa apelación a esa decisión. Un portavoz de TFL, que xestiona o transporte público nesta cidade, indicou hoxe que se identificaron "varias infraccións que colocan aos pasaxeiros e a súa seguridade en risco". "Como regulador do servizo de alugueiro privado en Londres debemos adoptar unha decisión hoxe sobre se Uber é apto e adecuado para ter unha licenza", explicou a directora de licenzas, regulación, Helen Chapman, de Transport for London.

TFL detectou 14.000 viaxes operadas por condutores diferentes aos que mostraba a aplicación de móbil. Iso débese a un cambio no sistema da aplicación que permite a condutores non autorizados descargar as súas propias fotografías en contas doutros autorizados. Pola súa banda, Jamie Heywood, xerente da empresa de mobilidade urbana para o norte e leste de Europa, sostivo que a decisión adoptada por TFL é "extraordinaria e equivocada", e confirmou a intención de Uber de recorrela.

"Cambiamos fundamentalmente o noso negocio nos últimos dous anos e estamos a fixar estándares de seguridade", manifestou.

"Polo ben dos 3,5 millóns de pasaxeiros e 45.000 condutores con licenza que dependen de Uber en Londres, continuaremos operando con normalidade e faremos todo o que podamos para traballar con TFL a fin de resolver a situación", agregou Heywood. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/11/2019