CRTVG

Buscar

España limita a apertura das fronteiras e condiciona o paso a Marrocos e Alxeria a que haxa reciprocidade

Publicado o 03/07/2020 08:08

España non abrirá as súas fronteiras a todos os países que permite a Unión Europea. As fronteiras continuarán pechadas con Alxeria e Marrocos, incluidos os pasos terrestres de Ceuta e Melilla. Coa China a apertura supeditarase á reciprocidade. 

Marrocos manterá pechadas as súas fronteiras en principio ata o dez de xullo. Alxeria anunciou que seguirán así ata que pase o peor da pandemia. España, aplicando o criterio de reciprocidade, fará o mesmo ata que os dous estados permitan o tránsito habitual entre os países.

A decisión ten especial importancia para as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. O Goberno considera que unha fronteira non pode funcionar con normalidade se non se aplican as mesmas condicións nos dous lados e revisa a listaxe de 15 países cos que a Unión Europea acordara permitir a circulación.

Coa China pasaría o mesmo, que se restrinxirán as viaxes ata que eles mesmos levanten as súas propias limitacións.

O estado español segue o camiño doutros membros da Unión. Alemaña excluíu catro países. Italia só acolle colectivos especiais e impón corentena a calquera que veña de fóra do espazo Schengen. Con todo, ata o de agora nos nosos aeroportos seguiron entrando viaxeiros que cumprían condicións que foron evolucionando.

E nos vindeiros días permitiráselles a entrada a determinados colectivos veñan de onde veñan, como estudantes, traballadores de alta cualificación ou residentes de longa duración en calquera país europeo.

Noticias web

03/07/2020