CRTVG

Buscar

Liberty House presenta a oferta para adquirir as plantas de Alcoa de San Cibrao

Publicado o 03/08/2020 21:12

Xornada de novas esperanzadoras para os traballadores de Alcoa. Esta tarde coñeceron de primeira man o proxecto da empresa Liberty House para adquirir as plantas de San Cibrao.

Un plan que esta empresa británica pretende materializar en oito semanas. Ese é o prazo que os responsables de esta compañía do sector lle trasladou ao comité de empresa, e que este valorou de xeito moi positivo, xa que trae luz ao futuro de Alcoa.

A oferta de Liberty House pasa por manter os postos de traballo, producir aluminio primario e mesmo xerar enerxía para a propia planta.

Mentres, Alcoa daba a coñecer hoxe dúas propostas, dúas posibilidades que teñen en común a intención de parar as cubas. Nun caso, a multinacional americana propón seguir adiante co ERE mentres busca un comprador que asuma o cadro de persoal. E na outra opción, presenta un ere de só dous anos, atoparía un comprador en nove meses e correría cos custos de reactivación das cubas.

Os traballadores rexeitan totalmente as dúas opcións, xa que en ningún caso aceptarían que as cubas se deteñan, porque son vitais para o futuro do proxecto industrial. 

Que as cubas de electrólise sigan funcionando é a condición que os responsables da empresa británica Liberty House poñen para materializar a oferta sobre Alcoa, tanto para planta de alúmina como a de alumnio, e que hoxe lle presentaron aos membros do comité de empresa.

Este martes, comité e dirección de Alcoa volven reunirse para negociar o ere que pende sobre 534 traballadores. 

A Xunta de Galicia, que esta mañá tamén coñecía a oferta de Liberty House nunha reunión entre responsables da compañía co conselleiro de Industria, ameaza con levar aos tribunais o ere de Alcoa co argumento de que xa non está xustificado, posto que hai enriba da mesa un plan de viabilidade cunha saída laboral para os traballadores.

 

Noticias web

03/08/2020