CRTVG

Buscar

Liberdade con cargos para unha parella por explotación sexual de mulleres en Vilagarcía

Publicado o 24/09/2020 14:33

A denuncia remóntase ao mes de febreiro, cando unha amiga dunha das mulleres explotadas alertou a Policía. Os axentes conseguiron contactar telefonicamente coa vítima, que explicou o inferno polo que estaba atravesando canda outras mulleres nun domicilio de Vilagarcía.

"Contoulles que chegara a España e atopou traballo, en teoría como masaxista en Vilagarcía, a onde se trasladou, e unha vez no piso obrigárona a prostituírse, mesmo poñéndolle un coitelo no pescozo. A muller, cando se poñía violenta, ameazábaas e tíñanse que pechar nunha habitación con outras muleres", epxlica Paula Navas, voceira da Policía Nacional.

A investigación culminou coa detención dunha parella de nacionalidade colombiana que, ao parecer, forma parte dunha organización de tráfico de mulleres. Neste caso, repartíanse as tarefas de captación de clientes e de xestión dos servizos sexuais.

Así, o marido encargábase de poñer anuncios nunha web, acompañaba as mulleres a realizar servizos sexuais noutros domicilios e a muller encargábase do cobro, da duración dos servizos e "ameazábaas con retirarlles a documentación para que as expulsalas do país".

Estas dúas persoas foron detidas e, tras pasar a disposición xudicial, quedaron en liberdade con cargos. A Policía advirte de que a alerta sanitaria non interrompeu a explotación sexual en milleiros de vivendas. Só durante o ano pasado foron liberadas en España 900 escravas sexuais, e 500 proxenetas foron detidos.

"Hai un montón de vivendas onde se exerce a prostitución, en inmobles normais onde viven outro tipo de veciños e ninguén pensa que alí se estea exercendo, de aí que pidamos a colaboración cidadá".

Unha colaboración que tamén demandan a través da campaña que acaban de poñer en marcha con motivo do Día Internacional contra o Tráfico de Persoas. Nela, diríxense especificamente ao consumidor de prostitución porque, tal e como din, se es cliente, pagas a súa escravitude.

Noticias web

24/09/2020