Levantan a prohibición de plantar pataca en nove concellos
Hai cinco anos que se destaou en Galicia a praga da couza guatemalteca, que supuxo enormes danos nas colleitas e importantes perdas económicas para os produtores de patacas. Logo dunha intensa loita biolóxica contra o insecto, a súa presenza comeza a remitir e dende hoxe xa se pode volver sementar o tubérculo nos concellos de Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, Pastoriza, Valadouro, Riotorto, Pontenova e Ribadeo, que foron dos máis afectados pola praga. Sen dúbida, un alivio para os produtores.
"Imos poñer capturas, como pon a Xunta, e se detectamos algo, daremos aviso porque somos os máis interesados en erradicalo. Nós vivimos desto", explica Javier Miranda, xerente de Hortícolas Miranda
Nas zonas que retoman a sementeira levan dous anos sen detectar a presenza da couza polo que xa se consideran seguros. Con todo, a Consellería do Medio Rural vai manter os labores de control e vixilancia para evitar a reaparición do insecto. Agora poderanse recuperar para a pataca leiras que quedaron a ermo ou que se destinaron a repolos, fabas e outros cultivos de menor rendemento e que se dan en terreos que precisan de rotación.
"Foi un golpe duro porque tiñamos o mercado feito e quedamos sen produción. Tivemos que ir a outros concellos para servir os clientes."
A nota negativa está no concello de Arteixo onde a couza non puido ser erradicada en dúas parroquias polo que se manteñen as medidas tomadas cando se iniciou a praga.