CRTVG

Buscar

Lendoiro ábrelle a porta a volver presidir o Deportivo

Publicado o 10/12/2019 20:30

Augusto César Lendoiro é o home do día. O ex-presidente do Deportivo falou hoxe coa Televisión de Galicia logo da renuncia do actual consello de administración dirixido por Paco Zas. Lendoiro insiste en que o seu candidato é Fernando Vidal, pero recoñece que, se Vidal finalmente non se presenta, el daría un paso adiante.

Lendoiro podería ser candidato á presidencia do Dépor: "Se non hai outro, se a xente pensa que tal... pois nestes momentos tan, tan, tan, tan sumamente complicados non se pode dicir que non. É o momento dos valentes, é o momento de estar aí porque hai que estar. A quen lle toque, que ature".

Aposta Lendoiro por un acordo entre todos os sectores do deportivismo para formar o que chama unha xunta de salvación.

"Unha xunta de concentración, de salvación, de unidade, como se lle queira chamar. A realidade é que "vamos, arriba Deportivo, que isto acaba. Esta é unha realidade que temos aí diante. É o peor momento da historia, iso si que non se pode discutir", sentencia o ex-presidente herculino.

Un acordo que debera producirse xa na asemblea da vindeira semana.

"Pactar xa neste asemblea cal vai ser o próximo presidente do Deportivo e que poida traballar dende xa no mercado de inverno que xa é de por si moi difícil", propón Lendoiro.

Na súa opinión, a situación límite do equipo esíxelles ás partes un esforzo para aparcar diferenzas. "Isto é case, case, non vou dicir imposible, pero hai que bater marcas para conseguir os puntos para non descender. Se aínda por riba estamos divididos, onde imos chegar? Este é o momento de, polo menos, ilusionar a xente, de dicir: "Non estamos mortos, hai que vivir, hai que levantar a cabeza, hai que demostrar que somos galegos!", conclúe.

Noticias web

10/12/2019