CRTVG

Buscar

Así se regulará o teletraballo: gastos por conta da empresa, horario flexible...

Publicado o 26/06/2020 08:35

O Goberno xa ten redactado o anteproxecto de lei do teletraballo. Entre as medidas que prevé: as empresas deberán pagar aos traballadores todos os custos que ocasione esta modalidade laboral e ademais o traballador poderá pactar un horario flexible coa empresa.

A crise do coronavirus trouxo consigo unha nova fórmula ao mercado laboral: o teletraballo, unha modalidade que está sen normativa propia máis alá do que fixe cada empresa. Nas últimas semanas, o Ministerio de Traballo redactou o anteproxecto de lei para regulalo.

Entre os puntos básicos: o teletraballo será voluntario, pactado por escrito. Ademais, as empresas deberán pagar todos os gastos, directos e indirectos, que lle xera ao empregado o traballo desde a casa; os traballadores poden pactar un horario flexible cumprindo coa xornada laboral, e establécese o dereito á desconexión, as empresas deben respectar o tempo de descanso dos empregados.

Como adiantaba a ministra de Traballo nos últimos días, o teletraballo debe ser respectuoso cos dereitos de conciliación e non pode haber desigualdades respecto aos traballadores presenciais.

"Permitirá que esta modalidade de traballo se desenvolva con garantías, con mecanimos que aseguren a desconexión, a protección fronte aos riscos laborais, o cumprimento dos tempos de traballo e descanso e o dereito á saúde laboral. O teletraballo non pode ser un elemento perpetuador dos traballos de coidado tradicionais", explicaba Yolanda Díaz, ministra de Traballo.

O texto debe negociarse agora cos axentes sociais. Na CEOE recoñecen que o teletraballo é unha boa ferramenta, pero advirten: "Está moi ben como complemento, para casos de conciliación de vida familiar, pero como se propoña como rixidez e como dereito podemos atoparnos cun gran problema. Porque o mundo empezará a falar de produtividade e non de horas", afirmaba Garamendi, presdiente da patronal.

De momento non hai prazos. Tras tratarse na mesa de diálogo social, pasará polo Consello de Ministros e logo polo Congreso e o Senado.

 

Noticias web

26/06/2020