CRTVG

Buscar

'Las niñas', gañadora dos Premios Goya nunha gala virtual marcada pola pandemia

Publicado o 07/03/2021 15:07

A película Las niñas foi a triunfadora dos Premios Goya. O filme de Pilar Palomero acadou o premio á mellor película, á dirección novel, ao guión orixinal e á dirección de fotografía, que foi para Daniela Cajías, e que por primeira vez conseguiu unha muller nesa categoría. O premio á Mellor Película de Animación foi para A galiña Turuleca, unha coprodución galego-arxentina. Foi unha cerimonia sobria, en gran parte virtual, conducida por Antonio Banderas e María Casado e na que a pandemia estivo moi presente.

Entregaba o premio á mellor película Ana Ruiz, enfermeira do SUMMA 112, nunha cerimonia marcada pola pandemia
Las niñas, dirixida pola debutante Pilar Palomero, lograba catro das nove candidaturas polas que competía.
Acadaba o Goya á mellor película, ao mellor guión orixinal e á mellor dirección de fotografía, por primeira vez para unha muller, Daniela Cajías, e á mellor dirección novel.
Adú que competía en máis categorías, trece, conseguía triunfar en catro, entre elas a do mellor actor revelación e a da mellor dirección...
Akelarre, de Pablo Agüero, quedaba con cinco galardóns e La boda de Rosa, de Icíar Bollaín, conseguía dous premios...
En canto aos actores, un emocionado Mario Casas conseguía o Goya ao mellor actor protagonista polo seu papel en No Matarás, na súa primeira candidatura.
Patricia López Arnaiz, conseguía o Goya á mellor actriz protagonista por Ane e Angela Molina recibiu o Goya de Honor. Foi a única que o recolleu presencialmente, nunha cerimonia sobria e sen público.
Conducida por Antonio Banderas e María Casado, que se enfrontaron ao reto de sacar adiante unha gala moi diferente e que intentou ademais poñer un pouco de optimismo tras meses moi complicados tamén para este sector.

Noticias web

07/03/2021