CRTVG

Buscar

Lalín festexa a primeira Feira do Cocido con recoñecemento internacional

Publicado o 16/02/2020 13:36

• Agárdanse 60.000 persoas nunha feira declarada Festa de Interese Turístico Internacional

Lalín festexa a primeira Feira do Cocido con recoñecemento internacional

Lalín celebra este domingo a LII  Feira do Cocido, coa xornalista Sonsoles Ónega como pregoeira e o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a actriz  Benedicta Sánchez como comendadores.   

Ás dez e media da mañá tiña lugar a Encomenda do Cocido, co nomeamento de sete comendadores. Ademais de Martínez-Almeida e Benedicta Sánchez, xuraron defender o cocido de Lalín o historiador e cronista Daniel González Alén, o catedrático en nutrición Gregorio Varela, a xornalista e comunicadora lalinense Amelia Ferreiroa e o líder dos Suaves, Yosi.

Xa contra as doce do mediodía fíxose a apertura da feira, pouco despois recitouse o pregón.

Á unha, tocaba desfile, conformado por carrozas, comparsas e a representación de cinco entroidos tradicionais galegos: o fulión de Mormentelos, os felos de Maceda, os villaróns de Riós, o entroido de Samede e o entroido de Cobres. 

Pola tarde, música a esgalla coa actuación musical de diversas charangas. O broche de ouro porao a orquestra Cinema, que actuará na praza da Igrexa a partir das oito e media do serán.

Gastronomía, artesanía, música, lecer e cultura para celebrar o día grande da Feira do Cocido.