CRTVG

Buscar

A Fiscalía do Supremo investigará o rei emérito polo caso do AVE á Meca

Publicado o 08/06/2020 19:48

A Fiscalía do Tribunal Supremo acordou asumir a investigación que dirixía Anticorrupción sobre o presunto pago de comisións na construción do AVE á Meca ao comprobar que unha das persoas que poderían estar involucradas nos feitos sería o rei Xoán Carlos.

A investigación, segundo informou este luns o ministerio público, centrarase en "delimitar ou descartar" a relevancia penal dos feitos ocorridos desde xuño de 2014, cando don Xoán Carlos deixou de ser xefe do Estado e, con iso, perdeu a inviolabilidade que lle recoñece a Constitución.

Segundo a Fiscalía, "resulta precisa a práctica de novas dilixencias que afectan directamente o rei emérito", que está aforado ante o Tribunal Supremo.

A investigación parte dunhas dilixencias abertas por Anticorrupción a finais de 2018 para investigar as posibles comisións pagadas na adxudicación do AVE a un consorcio de empresas españolas en 2011.

A Fiscalía do Supremo centrará as súas pescudas na fase II da construción da chamado "AVE do deserto", que une as cidades de Medina e A Meca, en Arabia Saudita. A fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, encargou a dirección da investigación ao fiscal de Sala de Delitos Económicos, Juan Ignacio Campos.

As reaccións

A decisión da Fiscalía do Supremo coñeceuse cando os reis visitaban o Centro de Alto Rendemento do Consello Superior de Deportes. Felipe VI limitouse na súa intervención para reclamar aos españois que actúen como un equipo, solidariamente, para superar a crise provocada pola COVID-19, e Zarzuela optou por non facer tampouco comentario algún.

Por parte do Goberno, o seu portavoz e ministra de Facenda, María Jesús Montero, subliñou que "a Xustiza é igual para todos" e garantiu que o Executivo "non vai interferir" nesa actuación e "colaborará con todo aquilo que sexa necesario" para facilitar o labor dos tribunais.

O presidente de Unidas Podemos no Congreso, Jaume Asens, anticipou que o seu grupo volverá apoiar unha comisión de investigación sobre os negocios ocultos de  Xoán Carlos despois de que en abril non asinasen a petición de ERC, JxCat, Compromís, Bildu, BNG e Más País alegando que a prioridade era loitar contra a pandemia. "Agora só falta que PSOE, PP, Cs e Vox deixen de bloqueala", exhortou Asens en Twitter.

Quen iniciou xa os contactos con outros grupos para pedir de novo unha comisión de investigación é ERC, segundo confirmaron fontes parlamentarias. O BNG, a través do seu deputado, Néstor Rego, adiantou que volverá pedir esa investigación no Congreso porque "cada vez é máis evidente que #OsBorbónsSonUnsLadróns".

Nin PP nin PSOE comentaron o paso dado pola Fiscalía do Supremo. Si o fixo Ciudadanos, cuxo portavoz adxunto, Edmundo Bal,se amosou partidario !da transparencia e a claridade", á vez que dixo ter "toda a confianza" na profesionalidade do fiscal de delitos económicos que se fará cargo da investigación.

Vox acusou o Goberno de meter as súas "sucias mans" en todas as institucións, tras lembrar que o seu presidente, Pedro Sánchez, xa dixo que a Fiscalía dependía do Executivo.

Investigación

O inicio da investigación deste asunto remóntase a xullo de 2018 tras coñecerse a gravación dunhas conversacións entre o excomisario José Manuel Villarejo e Corinna Larsen, amiga do rei Xoán Carlos, na que esta desvelaría que o anterior xefe do Estado tiña contas en Suíza onde cobraría comisións do AVE á Meca e que a utilizou a ela como muller de palla.

As informacións sobre fundacións opacas que servirían para recibir esas comisións provocaron que a Casa Real fixese público un comunicado o pasado 15 de marzo no que Felipe VI renunciaba á herdanza do seu pai e anunciaba a retirada da asignación orzamentaria que recibía don Xoán Carlos.