CRTVG

Buscar

Kim Jong-un envía unha mensaxe aos traballadores pero segue sen aparecer en público

Publicado o 27/04/2020 07:50
Kim Jong-un envía unha mensaxe aos traballadores pero segue sen aparecer en público

O líder norcoreano, Kim Jong-un, envíou hoxe unha mensaxe de agradecemento a un grupo de traballadores reproducida pola propaganda estatal, que leva máis de dúas semanas sen publicar imaxes recentes do mariscal mentres circulaban informacións con diversas conxecturas sobre o seu estado de saúde.

Kim enviou un conciso agradecemento a través do principal diario do país, o Rodong, a aqueles que traballan no proxecto turístico da península de Kalma, na cidade de Wonsan (costa oriental), precisamente o lugar onde imaxes por satélite mostraron que se atopa estacionado o seu tren especial.

A peza informativa do diario arrinca dicindo que Kim "enviou o seu agradecemento aos traballadores que apoiaron activamente co seu esforzo a construción do distrito turístico de  Wonsan Kalma", un dos grandes proxectos do réxime de Piongyang, que antes da pandemia esperaba poder inaugurar ao redor de abril.

O artigo despois enumera e agradece o seu labor a unha serie de persoas encargadas de supervisar a construción, a loxística ou os coidados médicos dos traballadores, pero non menciona máis detalles sobre o líder de Corea do Norte.

Os medios norcoreanos informaron nos últimos días de que  Kim enviou cartas diplomáticas ou agasallos.

Con todo, levan sen reportar actividade ningunha de Kim Jong-un sobre o terreo nin publicar unha imaxe actual súa desde o 12 de abril, cando informaron dunha reunión do buró político do partido único celebrada na véspera e presidida polo ditador.

Nese encontro, o líder nomeou a súa irmá, Kim Eu-jong, membro suplente dese importantísimo órgano executivo.

A isto sumouse despois a inusual ausencia de Kim Jong-un de varios eventos de importancia, incluídos os fastos do 15 de abril, principal festividade nacional.

Nese contexto, marcado á súa vez pola pandemia de coronavirus, e ante a tradicional opacidade do réxime norcoreano, diferentes medios publicaron informacións, citando sempre fontes anónimas, en que se di que o estado de saúde do mariscal é delicado, en moitos casos por unha suposta operación de corazón.

Con todo, o Goberno surcoreano descartou a validez destas informacións e insistiu en que non detectou ningunha actividade inusual en Corea do Norte, á vez que imaxes satelitais analizadas pola web especializada 38 North situaron o tren especial do líder en Wonsan.

Á súa vez, Moon Chung-in, asesor especial de seguridade do presidente surcoreano Moon Jae-in, asegurou o domingo en Fox News que Kim "está vivo e está ben", mentres que a revista  Newsweek afirmou que Washington tampouco detectou actividade militar norcoreana fóra do común.