CRTVG

Buscar

Junqueras acusa o Estado de "moverse por vinganza"

Publicado o 15/10/2019 10:40

 JxCat apela a responder con "máis urnas e máis política"

A maioría dos condenados cren que a sentenza é inxusta e fan un chamamento á mobilización.
Case todos responderon ás condenas do Tribunal Supremo con mensaxes a través de Twitter. O ex-vicepresidente Oriol Junqueras, condenado a 13 anos, asegura que volverán máis fortes, máis convencidos e máis firmes.

A ex-presidenta do Parlament Carmen Forcadell, condenada a 11 anos, fala de inxustiza, mentres que o ex-conselleiro Jordi Turull, condenado a 12 anos, respondeu cun "Viva Cataluña libre". E, finalmente, o ex-presidente de Ómnium Cultural, Jordi Cuixart, cunha pena de 9 anos de prisión, reitera que a resposta á sentenza debe ser a reincidencia.

O líder de ERC e ex-vicepresidente do Goberno catalán, Oriol Junqueras, reafírmase nas súas "conviccións democráticas e republicanas" nunha carta difundida tras coñecer a sentenza que o condena a 13 anos de prisión, e acusa o Estado de "moverse por vinganza".

Nunha carta dirixida á militancia de ERC, Oriol Junqueras afirma que "a independencia é hoxe máis ca nunca unha necesidade para poder vivir nunha sociedade máis libre, máis xusta e máis democrática" e considera que, coa sentenza, "hoxe quixeron acabar connosco, con toda unha xeración de cataláns que loita por conseguir a liberdade". 

Segundo Junqueras, coa sentenza pola cal el recibiu a condena máis longa, 13 anos de prisión, "queren esnaquizar vidas, descabezar partidos e liderados, frear e acabar cun movemento político e democrático, e silenciar todo un pobo que se quere expresar nas urnas".

Considera, neste sentido, que "hoxe a democracia no Estado español crebou e os seus poderes, exercen a vinganza porque non entenden de xustiza, de política, nin de procesos democráticos", co cal "demostran, unha vez máis, que a unidade do reino de España está por encima de calquera cousa, mesmo da reputación internacional e, probablemente, da supervivencia do seu propio Estado".

O presidente de ERC subliña que a sentenza "non fai máis que reafirmarme nas miñas conviccións democráticas e republicanas" e fai un chamamento a "esquecernos de vinganzas e a enchernos de esperanza nestas horas difíciles", así como a converter "a inxustiza en enerxía, en coraxe e en forza democrática".

Forn, Turull e Rull reivindican o 1-O e unha "Cataluña libre"

Os ex-conselleiros Joaquim Forn, Jordi Turull e Josep Rull reivindicaron este luns, tras coñecer a sentenza do caso do procés, o referendo unilateral do 1-O e clamaron por unha "Cataluña libre".
En Twitter, Turull respondeu á sentenza que o condena a 12 anos de cárcere cun conciso "Viva Cataluña libre".

Pola súa banda, Rull, condenado a 10 anos de cárcere, denunciou que os sentenciaron porque "xulgaron as ideas" e engadiu: "Condenándonos condenaron os 2,5 millóns de cataláns que votaron o 1-O nun dos exercicios máis extraordinarios de democracia que viviu Europa o século XXI".

Forn, condenado aos mesmos anos de cárcere que Rull, agradeceu o apoio recibido e subliñou: "Non desfalecemos. Viva Cataluña libre!".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí