CRTVG

Buscar

Juan Gestal, catedrático de Medicina preventiva na USC, axúdanos coas dúbidas sobre o coronavirus

Publicado o 16/03/2020 14:03

Juan Jesús Gestal, médico e profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e José Flores Arias, director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, foron entrevistados esta mañá no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia para analizar a crise sanitaria e a evolución do coronavirus.

José Flores comezou facendo referencia á cantidade de chamadas recibidas polo 061: "En momentos de gripe pasamos das 400 chamadas. A día de onte pasamos das 7.200 chamadas atendidas". Tamén pediu disculpas á poboación galega pola tardanza na recepción das chamadas nos primeiros días de atención ao público, xa que "nos primeiros días o volume de chamadas foi impredicible" e agradeceu aos medios de comunicación o seu labor porque "a información da televisión fixo que a xente estivese máis tranquila", engadiu. 

Logo das dúbidas que xurdiron ao respecto dos antiinflamatorios para tratar o coronavirus, expostas nun primeiro momento polo ministro de Sanidade francés, o doutor Gestal explicou que "aquí en España non hai ningunha decisión ao respecto sobre o uso do ibuprofeno", aínda que "para o tratamento dos casos leves recoméndase o uso do paracetamol". 

Sobre o perigo que poden correr as embarazadas ante o coronavirus e a posible transmisión da enfermidade ao bebé, "hai polo menos tres estudos que se fixeron", "e nos tres se observou que non había transmisión transplacentaria nin danos para o bebé", sinalou Gestal, antes de recomendar a toma de precaucións por parte da nai: "Pode haber lactación, terá que empregar máscara nese momento e lavar as mans”. 

Fran L. Iglesias sinalou que, a pesar das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno central, os contaxios continúan, e o director do 061 respondeu: "Aínda que se tomen estas medidas, o aumento do número de casos estaba enriba da mesa, non é nada que nos sorprenda", mentres que Gestal aproximou unha data: "Os efectos desta medida verémolos despois de 7, 8 ou 9 días. Verémolos a partir da semana que vén". 

Gestal expuxo que, ante esta situación e sobre os pacientes que teñan que acudir aos hospitais por motivos distintos ao Covid-19, "o ideal é que a xente que teña que ir ao hospital sexa a menos posible, tanto de pacientes como de acompañantes".  

 

Noticias web

16/03/2020