CRTVG

Buscar

Martínez Almeida solicitará a declaración de Madrid como zona de emerxencia

Publicado o 13/01/2021 10:24
Martínez Almeida solicitará a declaración de Madrid como zona de emerxencia

25 millóns de euros en estragos en edificios, é o cálculo que fai o concello de Madrid, que ten previsto emitir expedientes de ruína que se sumarán á documentación coa que lle argumentan ao Goberno a necesidade da declaración de zona catastrófica.

Unha solicitude que valora outra comunidade, Castela-A Mancha, que tamén rexistrou danos graves estes días. 

Queda moito por avaliar e moitas contas que botar. En Madrid estiman que 150.000 árbores de zonas verdes e eixes viarios sufriron danos, e falta estudar a situación doutros dous millóns de exemplares noutros tipos de parques.

Os militares seguen retirando neve de debaixo dos avións en Baraxas, aeroporto que retoma a actividade, pero onde aínda se están a cancelar voos.

Restaurado parte do tráfico ferroviario, os trens de proximidades tiveron problemas onte pola conxelación das catenarias. O metro agarda poder operar ao cen por cen entre hoxe e mañá, algúns autobuses xa circulan.

Os mercados volveron ter abastecemento de produtos frescos tras o desbloqueo dos camións de mercadorías.

Os termómetros de Madrid baten as súas propias marcas e con rexistros de menos quince graos o perigo do xeo triplicou as urxencias por caídas. 

Pero os madrileños non on son os únicos que sofren as consecuencias do xeo. As temperaturas mínimas históricas rexistradas en España complican a recuperación das nevaradas noutras provincias do centro e  do leste peninsular.

No denominado triángulo do frío, entre Teruel e Guadalajara, acadáronse os menos 25 graos. Dende o goberno insisten en que a alerta continúa e inciden nunha recomendación básica: evitar desprazamentos innecesarios.

Noticias web

13/01/2021