CRTVG

Buscar

Jorge Prado pecha un ano cheo de triunfos

Publicado o 27/12/2019 15:50

Cara e cruz, pero máis cara que cruz para Jorge Prado. Co seu novo título mundial no peto, o piloto remata o ano na cama dun hospital, a onde chegou o pasado día doce para ser operado tras romper o fémur nun adestramento.

Esa moto que o acompaña dende moi cativo por un torreiro de dificultades e sacrificios persoais e familiares. Emigrado na busca da progresión deportiva primeiro en Bélxica e logo en Italia, os éxitos comezaron a chegarlle hai dez anos, callando nunha serie definitiva de podios a partir do 2015 co campionato de Europa de 125 cc e o campionato mundial MX2 en 2018, con só 17 anos.

Case imbatible con 15 triunfos na temporada, o 2018 non foi mais que a antecámara do salón do trono; o entremés dun 2019 no que o lugués consolidou o seu dominio mundial volvendo subir ao caixón máis alto despois de facer primeiro en 16 dos 19 grandes premios do circuíto. O ano está na súa arrancadeira e, mentres, a xinea competitiva, o ADN campeón de Prado, agarda as vésperas de Reis para cantar o aniversario feliz, sumar os dezanove anos e meterse de cheo nun novo reto: a cilindrada maior, o MXGP.

Noticias web

27/12/2019