CRTVG

Buscar

Jordi Pacheco: "A sentenza do 'procés' vai ser un mazazo para a sociedade catalá"

Publicado o 15/10/2019 12:22

Jordi Pacheco, decano do Colexio de Politólogos e Sociólogos de Cataluña, dixo nunha entrevista coa xornalista de Televisión de Galicia Maite Teijido na praza de Sant Jaume, en Barcelona, que a sentenza do procés vai ser "un mazazo" para a sociedade catalá, "unha obstrución á posbilidade de ter procesos políticos que reconduzan a situación". "Sería moi importante -engadiu- retomar o diálogo, ter procesos moi amplos, con implicación de moita xente". Na súa opinión, a situación xerada trala sentenza "vai tensionar e dar unha dimensión emocional ao conflito que vai dificultar moito a súa solución".

Sobre a unidade do independentismo que reclamaron manifestantes nas rúas, dixo que nas protestas que se produciron ao coñecerse a sentenza houbo "un desborde do campo independentista". Lembrou que os partidos no só miran o proceso político, senón que tamén compiten para gañar eleccións, e dixo que, na súa opinión, nas manifestacións do luns a xente actuou á marxe dos partidos. "Hai que ver se realmente os partidos se poden reconducir de cara ás eleccións do 10 de novembro ou se as bases os van arrastrar a un escenario diferente, con maior coordinación. Isto, de momento, está aberto".

Pacheco está convencido de que a actual situación vai supoñer "máis mobilización", sobre todo dos socialistas, de cara ás eleccións xerais.

"Isto non quere decir -aclarou- que vaian subir moito en representación", porque tamén se pode mobilizar "unha parte importante da sociedade catalá que non se sinte interpelada polo procés, que mesmo ten medo e que se sinte desestabilizada porque non sabe que vai pasar". "Polo tanto -sinalou- pode haber máximos de participación, cos votos repartidos entre os dous campos ou só mobilización do campo socialista. Dependendo de cal sexa o resultado, vai ser diferente, e con implicacións para a gobernabilidade de España, claro".

O sociólogo e politólogo avogou polo diálogo no sentido máis amplo para resolver a situación. "Mentres a palabra diálogo quede entre gobernos e partidos políticos, nesa concepción elitista da política antiga, non vai ser posible dialogar", sinalou. "O diálogo ten que ser máis amplo, ten que ser da sociedade civil, dos cidadáns, para que todo o mundo poña sobre a mesa que é o que quere. Hai que mirar de atopar unha solución que sexa viable. Un novo pacto constitucional onde a maior parte da pobación se sinta cómoda e se podan desenvolver outra vez as políticas normais que se esperan nunha democracia".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí