CRTVG

Buscar

Jordi Nieva Fenol: "É a primeira sedición da historia do mundo sen detidos e sen feridos"

Publicado o 16/10/2019 12:33

Jordi Nieva Fenoll, catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona, dixo nunha entrevisa do Bos días que era previsible unha sentenza condenatoria porque "de feito, o delito de desobediencia cometérano todos". "O que non estaba tan claro era o delito de rebelión, que finalmente quedou que non".

Nieva Fenoll considera que a condena por sedición e "opinable" porque se aplica a feitos "comprometidos". "Falan de sedición para unha manifestación diante da Consellería de Economía onde non tivemos nin detidos nin feridos. É a primeira sedición da historia do mundo sen detidos e sen feridos", afirma.

Para o catedrático, tamén é dubidoso que o ocorrido o día do referendo fose sedición. "Había xente que quería votar e obstaculizou a actuación policial, pero non con barricadas nin lume, etcétera, senón con persoas sentadas no chan", lembrou. "Falar de sedición con persoas sentadas no chan e que só en algúns puntos de Cataluña moi concretos e sempre precedido de acctuacións policiais houbera momentos de violencia, e nin sequera comparables co que aconteceu onte á noite nalgunhas cidades catalás, pois a min cualificar iso de sedicion cústame moito", engadiu.

Nieva Fenoll sinala que a sentenza recoñe claramente que o movemento independentista "era unha gran mentira" e que o Goberno nunca perdeu o control da situación.

"Non perdeu o control dos tribunais, das administracións, da vida pública, do orde. Iso tamén o recoñece a sentenza, e se recoñeces iso -explica- o Código Penal ten un artigo moi preciso que obriga os xuíces a rebaixar relevantemente a pena dun delito de sedición. Non sei porque ese artigo non se aplicou. Se se aplicase non estariamos falando de penas de 13 anos, que é unha barbaridade, poderiamos estar falando de penas moito mais breves".

O catedrático cre que a sentenza se asinou por unanimidade para poñer de acordo os sete maxistrados que, probablemente, mantiñan posturas opostas.

"Pode que algúns visen o delito de rebelión e outros probablemente nada máis que desobediencia, polo que adoptaron a decisión salomónica de non sentenciar nin os 25 anos de rebelion nin os cero anos de desobediencia, senón a metade". Na súa opinión, esta forma de "negociar" a xustiza non é axeitada.

Nieva Fenoll entende que o proceso se levou con normalidade, aínda que non ve claro que no xuízo se restrinxisen os interrogatorios as testemuñas.

"Iso é unha visión moi antiga do que é un interrogatorio. É insólita, nunca se fixo nin en España nin en ningunha parte".

O experto cre que os acusados non eran conscientes de que podían estar cometendo rebelión ou sedición, e que para que un delito o sexa, ten que haber intencionalidade. Segundo Nieva, non era doado sabelo, e, de feito, "a Fiscalía dicía rebelión, o Tribunal finalmente dixo sedición, a Avogacía do Estado tamén sedición". Ademais, lembra, "despois do referendo, a Fiscalía non reacciona ata un mes máis tarde. Se era tan claro que había alí unha sedición, que é un delito gravísimo, por certo, por que non se reacciona? Quizais non estaba tan claro que había alí unha sedición?".

Sobre a actuación da Avogacía do Estado de, supostamente, inducir á condena por sedición, Nieva Fenoll cre que se non fose así o tribunal podería condendar por conspiración para a rebelión, e que as penas serían similares.

En canto á petición do líder do PP, Pablo Casado, de activar a Lei de seguridade cidadá, Nieva Fenoll considera que a situación non xustifica unha intervención dese calado, e que o momento electoral en que se produce esta sentencia está a interferir nos políticos.

"Para xerar situación de caos non precisas máis que vinte persoas queimando colectores e 200 buscando gresca coa policía. Vivo no centro e sei o que aconteceu, e creo que isto non é unha protesta máis grave que outras que houbo no pasado ou por outras razóns noutras cidades de España, como en Asturias cando pecharon minas ou en Murcia polo muro do tren".

O catedrático expresou o seu desexo de que a situación non empeore.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí