CRTVG

Buscar

Johnson, derrotado no Parlamento, consegue o apoio da xustiza escocesa

Publicado o 04/09/2019 13:57

Tras sufrir onte unha sonora derrota no Parlamento británico, o primeiro ministro Boris Johnson espertou hoxe cun pequeno triunfo. A xustiza escocesa considera legal a súa decisión de pechar o parlamento a partir do día 10. Pero xa esta mesma tarde, podería quedar truncada a súa aposta por unha saída abrupta. Ante a perda de apoios, o premier ameaza con reforzarse nunhas eleccións.

Un Boris Johnson irado, desconcertado e tatabexando por momentos ameaza cunha repetición electoral se hoxe o Parlamento aproba pedir outra prórroga á Comisión Europea. O primeiro ministro acusa os 21 deputados do seu propio partido que lle deron as costas de facerlle o xogo a Jeremy Corbyn, o líder da oposicion.

"El irá a Bruxelas, implorará por unha extensión dos prazos e a cambio aceptará o que lle ordenen", protestaba, mentres Corbyn lle reprochaba o intento de paralizar o Parlamento lembrándolle que os homes e mulleres da Cámara dos Comúns son representantes da vontade popular e que el, Johnson, non ten maioría para un brexit duro.

O propio presidente da Cámara, o eurófilo James Bercow, facía malabares para incluír na axenda de hoxe a petición da prórroga. O parlamentarismo repoñíase así ao intento de Johnson por silencialo, con apoio de rebeldes tories tan destacados como o ex-ministro de Economía, que cifras en man explica que se opón á estratexia do seu xefe de filas porque ás veces os intereses do país deben estar por diante dos intereses partidistas.

Noticias web

04/09/2019