CRTVG

Buscar

Italia suma nun día 250 mortos máis con coronavirus

Publicado o 13/03/2020 18:52

• A OMS: "O foco da pandemia está en Europa"

Os falecidos en Italia polo coronavirus alcanzaron hoxe os 1.266, o que supón un incremento de 250 nas últimas 24 horas, segundo informou o xefe de Protección Civil, Angelo Borrelli. O número de enfermos actualmente é de 14.955, 2.116 máis en comparación cos datos do xoves, e os curados son 1.439, 181 máis en 24 horas. O número de contaxios totais desde a detección do brote a finais de febreiro é de 17.660, contando os enfermos, os falecidos e os curados en Italia, o país europeo máis afectado.

Europa, foco principal da pandemia

O secretario xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, afirmou hoxe que Europa se converteu "no epicentro da pandemia" de COVID-19, cando a cifra de falecidos polo coronavirus superou a barreira dos 5.000. O médico etíope resaltou en conferencia de prensa que o número de casos rexistrados diariamente en Europa supera os do resto do mundo combinados, e mesmo "é maior que o que tiña China no seu momento máis álxido da epidemia". O total de casos de COVID-19 supera xa os 132.000 e os países afectados son xa 123, subliñou Tedros.