CRTVG

Buscar

Italia reforza as medidas de prevención tras rexistrar 627 mortos nas últimas 24 horas

Publicado o 20/03/2020 22:37
Italia reforza as medidas de prevención tras rexistrar 627 mortos nas últimas 24 horas

Italia rexistrou hoxe o seu peor día dende o inicio da crise do coronavirus no país. Os falecementos son xa 4.032, ao rexistrárense 627 só nas últimas 24 horas. Os casos positivos creceron en 4.670.

Desde o comezo da crise, hai un mes, o número total de enfermos é de 47.021, dos cales 5.129 recibiron a alta, segundo os datos ofrecidos por Proteción Civil. A maior parte dos novos falecementos, 381, tiveron lugar na Lombardía, a rexión máis afectada, que xa ten 2.549 casos.

Refórzanse as medidas

Para algúns gobernadores, as medidas aprobadas polo Goberno seguen sendo insuficientes e piden que se extremen ante o continuo aumento de contaxios.

Por iso, a última hora da tarde de hoxe, o ministerio de Sanidade emitía unha ordenanza na que se establecía o peche de parques, vilas, áreas de xogo e xardíns públicos en todo o país.

Así mesmo, "prohibe realizar actividades lúdicas ou recreativas ao aire libre", mentres que se consente aínda a práctica do deporte (correr ou ciclismo) "pero en proximidade da vivenda e respectando a distancia dun metro entre as persoas". Esta medida era unha das que pediran os presidentes das rexións ao comprobar que as persoas seguían acudindo aos parques públicos masivamente.

Outra das disposicións de Sanidade é o peche de todos os negocios de alimentación que se atopan nas estacións ferroviarias ou nas gasolineiras fóra das estacións de servizo das autoestradas, onde se permitirá só vender comida para levar. Porén, seguen abertas as tendas de alimentación e bebidas en aeroportos e hospitais.

Estas medidas entrarán en vigor mañá e son válidas ata o 25 de marzo. Súmanse ás xa aplicadas no país de non poder saír de casa sen un motivo válido, como ir ao traballo ou á compra, así como o peche de todas as actividades comerciais, excepto supermercados, farmacias e negocios que ofrezan bens de primeira necesidade.