CRTVG

Buscar

Quim Torra e Isabel Díaz Ayuso dan positivo por coronavirus

Publicado o 16/03/2020 15:25
Quim Torra e Isabel Díaz Ayuso dan positivo por coronavirus

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o presidente da Generalitat, Quim Torra, deron positivo por coronavirus.

Díaz Ayuso informou nun comunicado e a través das redes sociais nun vídeo. Explicou que é a segunda proba que se fai nos últimos días. Engade a nota distribuída que a situación "non altera as súas funcións como xefa do Executivo autonómico, polo que "vai seguir traballando desde o seu domicilio".

Díaz Ayuso manterá diariamente videoconferencias e contacto telefónico cos membros do Consello de Goberno, e seguirá presidindo as reunións do Consello de Goberno. Tamén manterá contacto diario co Centro de Control Permanente do COVID-19 aberto na capital do Estado para analizar todos os datos, a evolución e a información da situación na rede asistencial sanitaria da comunidade, a máis afectada ata o de agora en España.

Pola súa banda, o presidente catalán, Quim Torra, está confinado na Casa dels Canonges, as dependencias do president adxacentes ao Palau da Generalitat, con tos e febre, tras dar positivo nas probas do coronavirus.

Revelouno nunha comparecencia telemática cando xa levaba máis de 24 horas con estes síntomas.