CRTVG

Buscar

Irán considera sospeitosas as informacións que o sinalan como responsable da caída do avión

Publicado o 10/01/2020 05:57
Irán considera sospeitosas as informacións que o sinalan como responsable da caída do avión

Unha das vixilias polos canadenses que morreron no sinistro

As autoridades iranianas negan que un dos seus mísiles derrubase o avión ucraíno que se estrelou ao pouco de saír de Teherán matando os 176 ocupantes, como se asegura desde O Canadá e dan a entender desde os EUA.

O voceiro do Goberno, Alí Rabieí, cualifica de "falsos" os informes que sinalan iso e fala de "guerra psicolóxica contra Irán". Desde o Ministerio de Exteriores chaman ó de Justin Trudeau e a calquera outro Executivo que teña información a compartila coa comisión investigadora: din que acollen de bo grao a presenza de expertos dos países con cidadáns mortos no accidente (Canadá, Reino Unido, Alemaña, Afganistán e Ucraína) e lembran que chamaron a participar na investigación a Kiev, de onde era o aparato, e tamén a Boeing, que o fabricou. A Xunta Nacional de Seguridade do Transporte de EE.UU -unha axencia independente do Executivo- informou de que aceptou a invitación que lle fixeron a sumarse.

No Canadá, centos de persoas, incluído o primeiro ministro Trudeau, asistiron ás vixilias celebradas pola noite en varias cidades en memoria dos 63 compatriotas que faleceron no sinistro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí