CRTVG

Buscar

Os detidos polo incendio da Chavasqueira, en liberdade tras declarar

Publicado o 02/10/2020 13:59

Cando está a piques de facer un ano e medio do sinistro, este é o aspecto que presenta o complexo termal da Chavasqueira, que quedara devastado polas lapas. A investigación da UDEV de Ourense, apoiada pola policía científica de Madrid, conclúe que o lume foi provocado.

Presuntamente, os autores empregaron un líquido acelerante. O volume das lapas sorprendeu aos propios bombeiros, que teñen a base ao lado e tardaron menos de dous minutos en chegar.

Antonio Rejo Cid, sarxento dos Bombeiros de Ourense: "Cal foi a nosa sorpresa ao chegar aquí? Que xa vimos unha importante carga de lume sobre as estrutura. Xa estaban as termas completamente envoltas en lapas".

Os dous detidos, un ex empregado que fora despedido meses atrás e un amigo seu, presunto colaborador, están sendo investigados por un delito de incendio con perigo para a vida ou a integridade física das persoas, para o que o código penal contempla entre 10 e 20 anos de prisión.

Os bombeiros tiveron que rescatar un operario das termas: "Ao chegar aquí, atopamos o vixilante de noite ao pé da porta, que non podía saír. Tivemos que rebentar a porta para sacalo a el de alí", explica o sarxento.

A nova das detencións non colleu por sorpresa os habituais das termas, que xa sospeitaban que o lume non fora fortuíto. Lamentan, iso si, o abandono actual das instalacións: "Tarde ou pronto ía chegar. Os que pasamos por aquí todos os días viamos que iso foi provocado, como a maioría dos incendios que hai". "Home, eu creo que deberían arranxalo. Moita xente que vén por aquí, pregunta. Unha das principais atraccións turísticas de aquí son as termas". "A Chavasqueira sempre foi un lugar emblemático de Ourense, unha das zonas que lle deu o impulso ao Ourense termal, e é unha tristeza que estea deste xeito".

Os detidos quedaron en liberdade tras prestar declaración no xulgado, pero coa obriga de compareceren semanalmente.

Noticias web

02/10/2020