CRTVG

Buscar

Investigan en Portugal as causas polas que se estrelou o helicóptero de urxencias

Publicado o 16/12/2018 21:58

Rescatados en Portugal os cadáveres das catro vítimas mortais do helicópteto sanitario accidentado preto do Porto. Entre eles o do médico coruñés Luís Vega. Desde o Goberno luso ordenaron abrir unha investigación urxente.

Os corpos dos catro falecidos, entre eles o do médico coruñés Luís Enrique Vega, chegaron xa ao instituto de Medicina Legal dp Porto.

Os labores de rescate foron moi complicados, xa que dous dos cadáveres quedaran atrapados no interior da aeronave. As primeiras pescudas apuntan a que o vehículo se precipitou ao baleiro tras bater contra unha antena. Descoñécense aínda os motivos da colisión. O Goberno portugués ordenou, amais, unha investigación urxente, despois de que Navegación Aérea de Portugal indicara que varios comandos de socorro non contestaron á chamada da aeronave.

Luis Enrique Vega traballaba nun hospital próximo á cidade do Porto dende había anos. Ía cunha enfermeira e dous pilotos no helicóptero para trasladar un paciente. Pouco despois de engalar perdeuse o sinal con eles durante horas ata que o aparello foi atopado na serra do Couce, a 20 quilómetros ao leste do Porto.

Segundo os primeiros datos da investigación, que continúa aberta, todo apunta a que bateron cunha antena e o piloto perdeu o control do helicóptero ata que se esnafraron nunha zona de moi difícil acceso. Dous dos ocupantes foi preciso liberalos, polo que os labores foron complicados e lentos.

Finalmente Protección Civil de Portugal informaba que os corpos foran recuperados, entre eles o do galego Luis Enrique Vega, e trasladáronos aquí ao Instituto de Medicina Lega do Porto. O primeiro ministro de Portugal, António Costa, envioulle as súas condolencias ás familias, mensaxe á que tamén se uniu a Delegación do Goberno en Galicia.

Noticias web

16/12/2018