CRTVG

Buscar

Os bombeiros investigan a causa do incendio nun almacén de madeira en Bueu

Publicado o 20/02/2019 14:07

Aínda cheira a fume nesta rúa peonil da Banda do Río en Bueu, onde amenceu precintada a vivenda que ardeu a pasada noite. Un incendio que fixo pasar un bo susto aos veciños deste barrio e, de xeito especial, aos do inmoble lindeiro, que pasaron a noite fóra da casa. Os bombeiros decidiron desaloxalos por precaución. E é que a casa que ardeu era empregada por unha empresa de carpintería como almacén. O incendio provocou un fume moi intenso, xa que no interior había material moi inflamable e resina para madeira, que, ao arder, pode resultar moi tóxica.

Algunhas testemuñas apuntan a un curtocircuíto ou á presenza dunha estufa no interior da vivenda como posibles orixes do lume, pero, polo de agora, a investigación aberta para determinar as causas aínda non concluíu. O que si é certo e que se trataba dun inmoble moi antigo con estrutura de madeira. Casos nos que cómpre ter máis precaucións.

Afortunadamente, só houbo que lamentar danos materiais. Os bombeiros tardaron case cinco horas en extinguir o incendio. 

Noticias web

20/02/2019